Ata 15.000 caixas documentais serán gardadas no arquivo municipal baixo o colexio Froebel

Wait 5 sec.

O Arquivo Municipal de Pontevedra, situado baixo o colexio Froebel, está a culminar un importante proceso de reforma que permitirá almacenar ata 15.000 caixas de documentación unha vez se incorporen os arquivadores compactos. A alcaldesa en funcións e concelleira de Réxime Interior, Eva Vilaverde, acompañada polo arquiveiro municipal Rodrigo Silva, visitou as instalacións para supervisar os últimos detalles dunha obra valorada nuns 300.000 euros. "Estamos dando o último repaso e queremos poñer en valor a importancia de traballo que se fai desde o Arquivo Municipal", explicou Vilaverde durante a visita. As instalacións de Froebel súmanse ás xa existentes en Michelena 30, que teñen capacidade para 17.000 caixas, aínda que a concelleira advirte que "se seguimos acumulando papel e non elimináramos nada, non sería suficiente para arquivar toda a documentación administrativa e institucional que se acumula no Concello de Pontevedra". Por esta razón, o arquivo municipal está a realizar un intenso traballo de avaliación e expurgo documental. Recentemente, a comisión evaluadora aprobou a eliminación de 42.600 expedientes de vía de prema correspondentes ao período 1997-2008, o que equivale a unhas 200 caixas estandarizadas. Esta eliminación xa foi autorizada pola Xunta de Galicia. Rodrigo Silva, arquiveiro municipal, explicou o complexo procedemento para determinar que documentación pode ser eliminada. Hai un proceso que se inicia nunha comisión de expertos que se reúne no grupo de traballo de Análise de Avaliación Documental de Galicia en Santiago, despois pasa á comisión propia do Concello de Pontevedra e finalmente ao Consello de Avaliación Documental de Galicia. O arquivo custodia actualmente uns 360.000 expedientes nas súas dúas sedes, con documentación que se remonta principalmente a principios do século XX (1908), xa que o fondo antigo do Concello foi trasladado ao Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra nos anos 40, onde se conservan documentos desde 1432 até 1907. Eva Vilaverde e Rodrigo Silva no arquivo municipal Mónica Patxot Paralelamente á xestión física dos documentos, o arquivo municipal está a realizar un importante traballo de dixitalización. Ata o momento foron dixitalizados uns 6.500 documentos, entre documentación e fotografías do fondo fotográfico municipal. Entre as recentes incorporacións destacan as actas plenarias dos antigos Concellos de Pontevedra, Ponte Sampaio, Salcedo e Xeve, dixitalizadas até a súa anexión a Pontevedra. "A liña de traballo do Concello de Pontevedra e do arquivo municipal é a transparencia. Entendemos que a documentación é válida e útil se a cidadanía pode acceder a ela", destacou Vilaverde, quen explicou que calquera veciño pode consultar documentos como a acta onde se debatía en 1940 a posible anexión de Ponte Sampaio ao Concello de Soutomaior, ou a acta de 1960 onde finalmente se anexionou a actual parroquia a Pontevedra. O arquivo conta con catro traballadores e dúas bolseiras, algúns dos cales, unha vez finalizados os traballos de organización, traballarán de maneira permanente nas instalacións reformadas do Froebel, que agora inclúen oficinas, almacén e baños na zona esquerda, mentres que a parte dereita, cara á rúa Alfonso XIII, dispoñen de 150 metros cadrados adicionais para que o colexio e o arquivo poidan compartir entrada sen interferencias. Este espazo habilitárase a principios da década do noventa como arquivo pero, co paso do tempo, a instalación ofrecía unhas prestacións obsoletas. Rodrigo Silva, arquiveiro municipal de Pontevedra Mónica Patxot A reforma permitiu crear un espazo independente do colexio e protexido contra incendios, cun sistema automático que utiliza gas técnico en lugar de auga para preservar os documentos, que son moi sensibles ao po. Este "cofre" ao redor do arquivo inclúe un illamento no teito que proporciona tres horas de marxe para evitar que un posible incendio chegue a estenderse ao resto do edificio. Instalacións rehabilitadas do arquivo municipal baixo o colexio Foebel Mónica Patxot