Hai cuestións que, lonxe de seren anecdóticas, expresan conflitos estruturais e decisións de país. En Marín, o illamento físico e simbólico da súa ría constitúe un exemplo paradigmático dunha planificación territorial desequilibrada e anacrónica, que mantén vedado un ben común esencial á cidadanía. A reconquista do bordo litoral, hoxe ocupado de forma sobredimensionada por instalacións militares e portuarias, non é unha demanda estética nin folclórica, é unha cuestión de dereitos, de xustiza territorial e de proxecto de futuro. Durante décadas, a configuración do espazo urbano en Marín estivo determinada por unha lóxica de control, de ocupación estratéxica e de beneficio unilateral. Pero esa lóxica esgotouse. O urbanismo moderno, os principios de desenvolvemento sostible e a propia lexislación estatal e autonómica - nomeadamente a Lei 2/2016 do solo de Galicia e a Lei 22/1988 de costas - instan a poñer os espazos costeiros ao servizo do interese xeral, priorizando os usos públicos, sociais, culturais e ambientais. Non é un capricho, é unha obriga legal e política. A apertura de Marín ao mar suporía unha operación de reequilibrio territorial e de democratización do espazo público. Falar de cesión gratuíta por parte da Autoridade Portuaria ou do Ministerio de Defensa non é unha utopía, é unha acción perfectamente viable e documentada por precedentes como os de Ferrol. Pero require vontade política firme e aliñamento institucional. Os beneficios da apertura litoral non son só urbanísticos ou ambientais. Son tamén económicos. A recuperación do bordo marítimo permitiría artellar un novo modelo de desenvolvemento baseado no turismo sostible, o comercio local e a creación de emprego vinculado ao lecer, á cultura e á restauración. É sabido que a posta en valor de espazos costeiros mellora a calidade de vida, incrementa o atractivo turístico e dinamiza o pequeno comercio de proximidade. En Marín, onde o tecido comercial sofre a competencia das grandes superficies e a perda de centralidade, a apertura ao mar podería representar unha auténtica palanca de reactivación económica. A actividade portuaria non desaparecería nin debe facelo. Pero cómpre reequilibrar os usos e redimensionar espazos que, a día de hoxe, non cumpren funcións efectivas. Hai terreos infrautilizados,zonas sen acceso nin funcións definidas e naves con concesións prescindibles. Transformar estes espazos en parques urbanos, sendas peonís, instalacións deportivas ou centros culturais non só é razoable, senón urxente. É, en definitiva, unha expresión práctica dun modelo de vila que aposta pola cohesión social, a sustentabilidade e a memoria. Porque o mar en Marín é identidade, é historia colectiva, é futuro. Non abrilo á cidadanía é negar esa identidade. E negala é perpetuar unha inxustiza que nos empobrece a todos. É hora de transformarmos valos en camiños. De facermos do litoral unha porta aberta. Marín merece vivir coa súa ría, non de costas a ela. Por dereito, por dignidade e por un futuro en común.