O Concello de Poio presentou as actividades deseñadas para a mocidade do municipio ao longo do verán. Un abanico de proposta lúdicas, formativas e culturais coas que gozar os meses de vacacións. Entre as principais iniciativas destacan o Campamento Dixital, a Semana Máxica e o campamento cultural Teatreirxs. Este último, Teatreirxs desenvolverase entre o 23 e o 27 de xuño no CC Xaime Illa, en Raxó. Pretende achegar o mundo do teatro non só a través da interpretación senón tambien con xogos, improvisacións e imaxinación. De feito os participantes terán a oportunidade de crear a súa propia compañía teatral, asumindo diferentes roles, tanto artísticos como técnicos. Organizarase en horario de 9:30 a 13:30 horas con cinco sesións e aínda conta con prazas dispoñibles. É unha actividade gratuíta sendo preciso para participar enviar un correo electrónico a teatreirospoio@gmail.com, indicando o nome e apelidos do neno ou nena, idade, persoa responsable e teléfono de contacto. No que respecta á Semana Máxica, é unha iniciativa destinada a alumnos de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO incluíndo acampada, praia, excursións e actividades con tres días por cada un das quendas. O prazo de inscrición abrirase a principios de xullo, e desenvolverase en Samieira entre o 4 e 8 de agosto. Ademais o Campamento Dixital organizarase en agosto na aula Cemit de Poio. Impulsada pola Fundación Cibervoluntarios, dentro do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia posto en marcha polo Ministerio de Juventud e Infancia e financiado con Fondos Next Generation da UE, é un programa de actividades gratuítas en competencias dixitais para mozos e mozas de 9 a 17 anos. Organizaranse dous campamentos, o primeiro para nenos e nenas de 9 a 13 anos, que se desenvolverá entre o 18 e o 22 de agosto, e o segundo, para mocidade de 14 a 17 anos que se impartirá do 25 a 29 de agosto. En ambos os dous casos o horario será de mañá e o prazo de inscrición abrirá nas próximas semanas. DÚAS PROPOSTAS DA XUNTA A maiores destas iniciativas municipais, a Xunta de Galicia organiza dúas propostas máis en Poio a través da Acción de Verán 2025. Por segundo ano consecutivo organizarase o campus de voluntariado 'Costa Azul' a finais de xullo, para mozos de 18 a 30 anos de todo o país. Trátase dun campo medioambiental e mariño que virará ao redor da limpeza do litoral mariño por terra e mar en lugares como Lourido, Combarro, Illa de Tambo ou Chancelas. Por último Poio inclúese no minicampamento 'As pegadas da historia' entre o 14 e o 18 de xullo, para menores de 9 a 18 anos. Inclúe actividades náuticas como surf ou kaiak, salvamento acuático deportivo, xogos de praia, orientación, xogos de coñecemento e de historia e veladas nocturnas.