Tras case unha semana sen movementos públicos, o Pontevedra Club de Fútbol confirmou este xoves a súa primeira fichaxe, ademais de novas saídas no seu plantel. A chegada é a dun vello pretendido na casa granate, o lateral galego Víctor Eimil. Canteirán do RC Deportivo, Eimil soou como obxectivo granate tras o seu bo facer no Arenteiro en Segunda RFEF na campaña 21-22. Con todo acabou recalando no Hércules, desde onde pasaría á Real Unión xa en Primeira RFEF. Nesta categoría, á que agora ascendeu o Pontevedra, disputou 55 encontros nas dúas últimas campañas. O lateral dereito é a quinta peza confirmada no novo proxecto granate, xunto a Brais Abelenda, Álex González, Miguel Cuesta e Yelko Pino. Os que non seguirán no equipo son os defensores Mario Gómez e Héctor Hernández. En ambos os dous casos, puntualiza o club de Pasarón, "acaban contrato e non continuarán" no equipo a próxima tempada. Dúas novas saídas que engrosan unha lista de baixas na que xa figuraban Dalisson de Almeida, Samu Mayo, Javi Fontán, Rares e Xabi Domínguez.