Ambienta 'ficha' os Feroz e Amal en Ruta para consolidarse como a mostra de cine LGBTIQA+ de referencia en Galicia

Wait 5 sec.

Amosar a mellor produción audiovisual, tanto no ámbito galego como a nivel internacional, no eido da diversidade. É o espírito de Ambienta, a Mostra Internacional de cinema LGBTIQA+ de Pontevedra, que reforza o seu papel coa súa nova edición, entre os días 23 e 27 de xuño. Faino grazas á incorporación como colaboradores dos Premios Feroz e de Amal en Ruta, que apadriñarán as súas propias proxeccións. A eles sumaranse entidades clásicas nesta mostra como o FICBueu, o Cineclube Pontevedra e Avante LGBT+ Pontevedra. O Teatro Principal acollerá toda a programación, con sesións diarias ás 20:30 horas. Delirio Sketchs, unha web serie galega de humor surrealista, marcará o inicio de Ambienta, o luns 23 de xuño, un claro compromiso por dar a coñecer as producións audiovisuais galegas, os proxectos queer do país que apostan por amosar as distintas realidades LGBTIQA+. A serie confórmana tres capítulos independentes, cargados de humor, nos que se abordan desde o surrealismo, os grandes temas que preocupan á xuventude con coreografías, cancións, reportaxes e cameos estelares da cultura cuir underground galega. Unha das escenas de 'Delirio Sketchs'Delirio Sketchs Haberá un espectáculo inicial en directo cos personaxes da serie: Mercedes Pezón (polo artista drag Javier Sánchez "Meiga-i"), High Paw, artista musical, Tamy (Laura Merchán, artista visual e xestora cultural) e Psicóloga Susana (Cata Ukelele, cómica e guionista). A sesión rematará cun posterior coloquio coa directora e guionista, Bea Saiáns. O martes 24 será a proxección do filme Ocaña retrat intermitent, dirixido por Ventura Pons en 1978. Un filme icónico dentro da historia do cine LGBTIQA+ español, que formou parte da programación dos festivais de Berlín e Cannes no ano da súa estrea. O filme documental afonda na vida e figura do pintor e travesti andaluz José Pérez Ocaña e amosa o seu modo de vida alternativo así como os seus peculiares puntos de vista sobre a relixión ou os fetiches, nun retrato da Barcelona dos inicios da transición, onde viviu. Reflicte unha Barcelona homosexual e "travesti" nun momento no que a lei de perigosidade social estaba aínda vixente para reprimir e condenar a toda disidencia sexual. Escena da película 'Le Bleu du Caftan'Ad Vitam Distribution A terceira proxección, o mércores 25, é a proposta de Amal en Ruta para para dar visibilidade ao cinema árabe. O filme escollido será o marroquí Le Bleu du caftan (O caftan azul), dirixido por Maryam Touzani, candidato no 75 Festival de Cannes a mellor filme. Candidata ao Oscar por Marrocos, narra a historia dun matrimonio que rexenta unha tenda nunha das medinas máis antigas do país. A parella vive cun segredo que el aprendeu a ocultar, pero a enfermidade dela e a chegada á tenda dun aprendiz ameazan con pertubar ese equilibrio. No xoves 26 serán os Premios Feroz os que propoñan a emisión do primeiro capítulo de Mariliendre, unha produción queer española dirixida por Javier Ferreiro e producida por Javier Calvo e Javier Ambrossi para Atresmedia. É unha serie musical protagonizada por Blanca Martínez, Martin Urrutia ou Omar Ayuso e, tras a súa emisión, haberá un coloquio entre o creador da serie, Javier Ferreiro, e Mariona Borrull Zapata, unha xornalista especializada na crítica cinematográfica. A clausura de Ambienta, como é habitual, será cunha sesión de curtametraxes en colaboración co festival FICBueu: Big boys don't cry (Arnaud Delmarie, Francia 2025), Solo KIM (Javier Prieto de Paula, Diego Herrero, España 2024) e Three (Amie Song, Estados Unidos 2023). Será o venres 27. A organización do festival destaca que é unha escolla que reflicte as distintas realidades queer en diversas partes do mundo, un crisol de puntos de vista que dá conta da diversidade dentro do propio colectivo LGBTIQA+.