Buscan un novo sistema de gálibos para acabar coas desfeitas na ponte da Avenida de Vigo

Wait 5 sec.

De maneira recorrente, algún camión salta o gálibo da ponte da Avenida de Vigo sobre Eduardo Pondal, esnaquizando as láminas metálicas que protexen a estrutura. Cansos de que este problema se repita, a última vez hai uns días, o goberno municipal decidiu encargar un proxecto encamiñado a resolver "definitivamente" esta cuestión. César Mosquera, no seu papel accidental como portavoz do executivo local, avanzou que esta actuación estará enfocada desde dous puntos de vista. Por unha banda, tratarase a parte baixa da ponte "doutra forma" que non sexa con eses paneis metálicos "tan delicados" e que, lamentou Mosquera, deberán ser retirados a pesar de que con esa cuberta a ponte "quedaba moi bonita". Ademais, Mosquera avanzou que se buscará "polo mundo adiante" un sistema de gálibos que sexa "máis efectivo" para impedir que os camións choquen contra a estrutura da ponte. "Veremos que sistemas urbanos se están aplicando e agardamos ter pronto unha solución", apuntou o edil do BNG. Lembrou que, a pesar de que o gálibo actual "fai ruído e encende un semáforo" cando un dos vehículos pesados supera a altura do paso, "demostrouse que non funciona". A intención é que esta nova solución poida aplicarse canto antes para frear a deterioración que se produce na ponte cada vez que un condutor "despistado ou canso" segue adiante coa súa marcha a pesar de non ter o gálibo axeitado.