O pobo de Moraña botouse á rúa este xoves para mostrar a súa repulsa pola morte de Marisol C.P., a muller que apareceu calcinada en Campo Lameiro xunto á súa parella, José Ramón G.C., no que se investiga como un crime machista. Decenas de persoas concentráronse ante as portas da casa consistorial de Moraña, onde residían a vítima e o seu agresor, condenado en dúas ocasións por violencia de xénero, unha delas por agredir á súa actual parella, da que tiña orde de afastamento. "Estamos fartas de ser asasinadas", corearon as asistentes a esta concentración, convocada polo Colectivo Feminista As Moiras, que lamentaron que "non estamos todas porque falta Marisol", vítima dun machismo "que é como o terrorismo". Os veciños da vítima subliñaron que cada asasinato pola violencia machista é un "grave fracaso do sistema", ante o que reclamaron un maior investimento para combater esta violencia sistémica contra as mulleres. Afirmaron que "é urxente" dotar de máis recursos á loita contra a violencia de xénero, reforzando as campañas de prevención e formación contra o machismo e apelando a que "dunha vez por todas" as institucións públicas outorguen "absoluta prioridade" a este asunto. Concentración en Pontevedra polo crime machista de Campo LameiroMónica Patxot Neste sentido, subliñaron que "é fundamental entender que saír dunha situación de violencia non é sinxelo", algo que consideran que "non é cuestión de valentía, senón de condicións reais". As institucións públicas e a sociedade, engadiron, "temos a responsabilidade de escoitar, acompañar, crer e actuar", para o cal defenden que se deben reforzar os mecanismos de protección, facilitar o acceso á independencia económica e garantir unha atención integral, feminista e centrada nas vítimas. As concentracións por este novo crime machista sucedéronse este xoves por toda Galicia, entre elas nas cidades da Coruña, Vigo e Pontevedra, onde centos de persoas apoiaron as mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres. En todas elas leuse un manifesto no que as asistentes reivindicaron saír á rúa "polas que non están" e ás que, como Marisol C.P., o sistema debía protexelas "e non o fixo", o que sosteñen é unha "mostra máis" da "ineptitude" dos gobernantes. Concentración en Pontevedra polo crime machista de Campo LameiroMónica Patxot "Temos que botar das institucións aos incapaces e aos covardes", afirmaron as manifestantes, que lamentaron que haxa representantes públicos que "no canto de pór o acento nos agresores cuestionen á vítima até o punto de responsabilizala". Para a Marcha Mundial das Mulleres esta conduta produce "carraxe e indignación" na sociedade e, especialmente, nas mulleres "que non podemos consentir máis agresións" e que se lles culpabilice dos malos tratos sufridos "mesmo cando as atopan calcinadas".