Adxudican por 3,5 millóns a explotación das depuradoras de Cambados, A Illa, Meaño e Ribadumia

Wait 5 sec.

A explotación e o mantemento das estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) de Tragove (Cambados), A Illa de Arousa, Meaño e Ribadumia realizarase durante 19 meses por 3,5 millóns de euros. A Xunta de Galicia adxudicou o contrato para estas catro infraestruturas de tratamento co fin de que estean mantidas en condicións óptimas de funcionamento e permitindo acadar así os cometidos para os que foron deseñadas. O contrato adxudicado, cun período de vixencia de 19 meses, abrangue os traballos de explotación, mantemento e conservación das instalacións destas catro depuradoras que xestiona Augas de Galicia. As tarefas inclúen tamén a realización de melloras puntuais para optimizar o funcionamento das EDAR. Contempla a renovación de certos equipos electromecánicos; a instalación de equipos auxiliares e de placas fotovoltaicas; modificacións na instalación eléctrica e nos automatismos; mellora dos elementos de control e supervisión; instalación de sistema de monitorización enerxética e outras. O obxectivo é que sexa posible levar a cabo un maior aproveitamento das capacidades das infraestruturas e incrementar a súa eficacia e eficiencia, tanto para a depuración das augas como para a propia conservación, procurando, ademais, un uso eficiente dos recursos.