Afundación xa ten preparada a súa tempada teatral para o próximo outono en Pontevedra. Ofrecerá ao público tres obras que, entre outros intérpretes traerán á cidade a actores e actrices da talla de Ana Torrent, Aura Garrido, Gabino Diego ou Lola Herrera. O primeiro dos espectáculos, o venres 3 de outubro ás 20:30 horas, será Las amargas lágrimas de Petra Von Kant, dirixida por Rakel Camacho e protagonizada por Ana Torrent, Aura Garrido, Maribel Vitar, Julia Monje e María Luisa San José. A obra, escrita durante un voo entre Berlín e Los Ángeles polo alemán Rainer Wener Fassbinder, chegou converterse en todo un clásico europeo sobre as relacións de poder, a obsesión e a necesidade tóxica de que o resto nos acepte. Nela, Petra von Kant, unha exitosa deseñadora recentemente separada do seu segundo marido, vive coa súa secretaria Marlene, á que case esclaviza. Cando coñece a Karin, unha moza de orixes humildes, namórase perdidamente dela e promete convertela en modelo internacional. Pijama para seis, con Gabino Diego, Isabel Gaudí, Amaia Vargas, Sabina Praga e Jesús Cisneros, será pola súa banda a obra que se representará en Pontevedra o venres 14 de novembro, tamén a partir do oito e media da tarde. A historia desta comedia, dirixida por Raquel Pérez, xira en torno ao amor, os celos, a confianza, a mentira, a infidelidade, a amizade ou a discreción na parella. Fernando, aproveitando que a súa muller ten que ir visitar á súa nai, convida ao seu amante a pasar un fin de semana con el, e tamén a un amigo seu, para ter unha coartada. Todo é perfecto, mesmo contratou a unha cociñeira para que non falte de nada. Pero as cousas non saen como espera e a velada romántica acaba sendo unha noite moi movida na que todas as persoas finxen ser o que non son para evitar ser descubertas. Ana Torrent e Aura Garrido, en 'Las amargas lágrimas de Petra Von Kant'Pentación Espectáculos Esta tempada teatral de outono chegará á súa fin con Camiño a La Meca, unha reflexión sobre o illamento, a loita interna e o conflito entre conformarse coas expectativas da sociedade ou seguir os propios soños e desexos. Esta obra, protagonizada por Lola Herrera, Natalia Dicenta e Carlos Olalla e dirixida por Claudio Tolcachir, poderase ver o xoves 11 de decembro, ás 20:30 horas. Está baseada na vida da excéntrica escultora surafricana Helen Martins. Ela é unha viúva obsesionada coa súa obra (a creación dun xardín de esculturas orientadas cara á Meca) e as súas difíciles relacións coa comunidade onde vive, en pleno apartheid. A chegada dunha moza mestra como traballadora social desde Cidade do Cabo, precipita a confrontación entre as dúas mostrándose a denodada loita da artista independente en contra dunha sociedade estritamente ordenada por regras. Os abonos para a tempada de teatro de Afundación xa están á venda para aquelas persoas que desexen renovar os seus pases. A venda xeral arrancará o próximo 18 de xuño.