Unha das voces máis inconfundibles da música española, a de Tamara, resoará no auditorio de Afundación en Pontevedra. Será durante o concerto que a artista sevillana ofreza o sábado 4 de outubro, á 20:30 horas. A actuación de Tamara en Pontevedra enmárcase dentro da xira '25 anos de corazón', coa que está a celebrar as súas vodas de prata sobre os escenarios. Fiel ao seu estilo, a que moitos consideran a 'raíña dos boleros' está a percorrer España cunha xira en formato íntimo, só a piano e voz, para repasar os grandes éxitos da súa carreira. Tamara interpreta as súas cancións máis coñecidas poñendo o protagonismo na súa voz sobrecolledora, sen artificios, acompañada unicamente do seu inseparable piano. Tamén haberá espazo para versións moi especiais como as que acaba de estrear en homenaxe a Manuel Alejandro e Rocío Jurado e presentará en directo algún dos seus novos temas estreados para esta xira, dentro do seu novo álbum de aniversario. Será ademais un concerto cunha posta en escena impecable, envolvente e que atravesa ao espectador desde os primeiros acordes. A cantante andaluza non necesita presentación. Desde que se deu a coñecer no programa musical Menudas estrellas converteuse por méritos propios nunha das voces máis importantes de toda a música en fala hispana. No seu haber, once discos de estudo e un en directo que venderon millóns de copias en todo o mundo e cos que, grazas á súa capacidade para reinterpretar clásicos con elegancia e frescura, levárona a gañar o agarimo dos seus fans e o respecto da crítica. As entradas para este concerto, á venda desde 27,50 euros, pódense adquirir a través da plataforma Ataquilla.com.