As oficinas do servizo de atención temperá de Bueu, situadas na rúa Matilde Bares, atenden actualmente un total de sesenta familias do municipio. Así o puxo de relieve o alcalde de Bueu, Félix Juncal, que acompañado dos edís Carmen García e Xosé Leal, visitou estas instalacións coincindo coa celebración do Día da Atención Temperá. Neste centro promóvese a igualdade, a saúde e a inclusión social da poboación infantil, de entre 0 e 6 anos, que presente algún trastorno de desenvolvemento ou que estea en risco de padecelo. Non foi esta a única actividade organizada para visibilizar esta data, senón que pola tarde houbo na praia de Pescadoira un encontro de xogos en familia. O Concello de Bueu tamén se sumou ao manifesto polo Día da Atención Temperá elaborado pola Asociación Galega de Atención Temperá e no cal se incide na formación dos e das profesionais así como na mellora na calidade do emprego. O texto reclama que para asegurar a competencia profesional, a calidade, estabilidade e continuidade asistencial é necesario que as administracións "cumpran as medidas e estándares de calidade acordados na folla de ruta para a mellora da atención temperá". Así, entre outras peticións están que as administracións públicas impidan as contratacións xenéricas, precarias, temporais e inestables e financien de forma suficiente os servizos. O municipio de Bueu ten en marcha dende hai preto de catro anos este servizo de atención temperá, que está subvencionado na súa totalidade por fondos europeos e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social. O horario de atención o público é de luns a xoves entre as 8:00 a 18:30 horas e os venres de 8:00 a 14 horas. Este servizo conta cun protocolo específico no proceso de detección e derivación de situacións susceptibles de necesitar atención temperá. Nese proceso é vital a figura dos profesionais da pediatría de atención primaria de saúde, de xeito que son eles os que fan a valoración inicial do desenvolvemento do neno ou nena e, a partir do seu diagnóstico, determinan a idoneidade da unidade de atención temperá. No centro de Bueu cóntase actualmente con persoal variado, como un logopeda, unha fisioterapeuta e unha psicóloga con formación e experiencia no desenvolvemento infantil.