Poio converteuse esta fin de semana no epicentro do motor coa celebración da XXV Subida A Escusa. A popular competición automobilística, que atraeu a 75 pilotos, este ano contou coa novidade de ser proba puntuable tanto para o Campionato Galego de Montaña como para a Copa de España. A competición desenvolveuse de venres a domingo nun circuíto de 3,3 quilómetros, con saída en O Sartal, que foi o escenario de dúas pasadas de adestramento e catro mangas oficiais. Na clasificación xeral, o gran vencedor desta edición foi Jorge Fernández, seguido de Martín Villar en segunda posición. Jorge Pérez completou o podio en terceiro lugar. En canto á distribución por categorías, a Clase 1 tivo como gañador a Jorge Pérez, do Pontevedra 1983 Team, a bordo do seu Porsche 991 GT3 CUP, cun crono de 3:48.716. O segundo posto foi para Manuel Senra, do Senra Sport, pilotando un Hyundai i20 WRC (1:56.637), mentres que a terceira praza ocupouna Jhonatan Álvarez, tamén do Pontevedra 1984 Team, co seu BMW 335i (2:04.821). Na Clase 2, o podio estivo liderado por Jorge Fernández, do Estradense, quen coa súa Gloria C8P rexistrou un tempo de 3:39.741. Yelco Álvarez, de Taboadela, co seu Forwin TC5FB e un crono de 3:51.844 fíxose coa segunda posición, e Xian Prado, de Maki Sport, a bordo do seu Outeda EVO II, ascendeu ao terceiro chanzo cun tempo de 4:11.063. Finalmente, na Clase 3, o triunfo foi para Martín Villar, de Buxa Motor, no seu BRC 5 EVO, cun tempo de 3:46.58. Alfonso Ventín, do Pontevedra 1984 Team, co seu Yakar Cros, foi segundo ao cruzar a meta en 3:50.853, mentres que a terceira posición foi para Daniel Rodríguez, do Maki Sport, co seu Silver CAR S3, rexistrando 3:54.735. [galleries:horizontal:10500]