Domínguez esixe en Barcelos a dimisión de Lores como "responsable da crecente inseguridade" en Pontevedra

Wait 5 sec.

O portavoz municipal do Partido Popular en Pontevedra, Rafa Domínguez, compareceu esta mañá de mércores na praza de Barcelos para esixir a "inmediata dimisión" do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a quen considera máximo responsable da "crecente inseguridade" na cidade tras a violenta pelexa ocorrida este martes pola tarde neste céntrico espazo público. "Lamento profundamente os motivos que me trouxeron aquí, a Barcelos, a un dos centros neurálxicos da miña cidade, de Pontevedra", comezou Domínguez, quen compareceu acompañado pola secretaria xeral e concelleira Pepa Pardo. O suceso, que se saldou con tres feridos por arma branca e catro detidos, á espera dunha quinta detención nas próximas horas, ocorreu "en plena tarde, diante dun enorme número de nenos e nenas que estaban nesta praza", onde tivo lugar "unha multitudinaria pelexa con arma branca". "Segundo lin en prensa, unha das persoas está en coidados intensivos en Montecelo e outra tivo que ser, debido á gravidade das súas feridas, trasladada a Santiago, e outro menos grave", detallou o portavoz popular. "O primeiro que pedimos é a súa pronta recuperación, e o segundo que non pode faltar é agradecer aos corpos e forzas de seguridade do Estado, á policía local, á Policía Nacional e aos servizos de emerxencia, a súa rapidísima actuación sen a cal podería ser moito máis grave". Domínguez asegurou que o PP "viña avisando desde hai moitísimo tempo dos enormes problemas de convivencia que existen en Pontevedra, problemas que estaban perfectamente identificados, problemas de convivencia de determinadas persoas en determinados lugares". "Todos sabemos que este era un dos lugares onde viñamos denunciando e onde viñan os pais denunciando, digo pais porque hai un parque infantil, eses problemas de convivencia/delincuencia", engadiu. "Toda Pontevedra é consciente da situación que se vive na cidade, con agresións frecuentes", manifestou Domínguez. O líder da oposición lembrou as súas advertencias previas: "Advertimos moitas veces que un día ía pasar algo grave, pois lamentablemente onte pasou. Toda Pontevedra ve o problema de seguridade que hai na cidade menos Lores". Rafa Domínguez e Pepa Pardo en Barcelos pediron a dimisión de Lores como alcaldePablo Ajuria - Brais Porto Na súa comparecencia, Domínguez acusou directamente ao alcalde: "Mentres nós alertabamos dos problemas de convivencia, Lores dicíanos que no PP eramos un esaxerados. Mentres solicitabamos que se reforzase a policía local, Lores acusábanos de alarmistas. Mentres solicitabamos unha xunta local de seguridade cidadá, Lores dicíanos que sobreactuábamos". "Toda Pontevedra é consciente da situación que vive a cidade, pero Lores non. E no canto de tomar medidas miraba para outro lado e negaba o problema", denunciou o portavoz popular. "Lores non cumpriu coa súa responsabilidade como alcalde de manter Pontevedra como unha cidade segura. De feito, con Lores, nos últimos tempos, Pontevedra cada vez é máis insegura e estámonos afacendo vivir cunha sensación de inseguridade que eu me nego a que Pontevedra manteña". Domínguez foi contundente ao valorar os feitos: "O que sucedeu onte diante de decenas de nenos e familias non é froito dun feito illado que pode pasar en calquera sitio. Non é algo que non se poida controlar. É froito do abandono de Lores das súas funcións como máximo responsable da seguridade en Pontevedra". O portavoz do PP sinalou ademais que o ocorrido "é froito do mínimo investimento en servizos sociais. É froito do novo investimento na policía local, nos recursos humanos e nos medios técnicos para iso. Pero, sobre todo, é froito da soberbia dun alcalde que se negou a ver un problema que todos viamos". Domínguez insistiu en que "non podemos consentir o que está a pasar en Pontevedra e Lores xa non ten forzas nin ánimo para reverter esta situación". "En Pontevedra, na miña cidade, non pode haber navalladas diante de nenos no centro da cidade a media tarde", recalcou antes de concluír: "Pero, sobre todo, porque Lores estaba avisado e non fixo nada, por todo isto, desde o Partido Popular, esiximos a inmediata dimisión de Lores como alcalde de Pontevedra. Queremos vivir nunha cidade segura e que os nosos fillos non vexan incidentes como os de onte. E con Lores sabemos que isto non vai se é posible. Lores xa non dá para máis". En resposta ás declaracións do subdelegado do Goberno, Abel Losada, quen cualificou a Pontevedra como "unha cidade moi segura" e considerou "repugnante" que o PP "faga política dando unha rolda de prensa no lugar dos feitos", Domínguez respondeu: "O que é incrible é que en Pontevedra haxa navalladas diante de nenos, nun parque, ás seis da tarde, con dous feridos moi graves, en coidados intensivos e outro que tivo que ser trasladado a Santiago".