A Deputación de Pontevedra financiará con 1,23 millóns de euros dous importantes proxectos de mellora da mobilidade e humanización nos concellos de Meaño e Campo Lameiro. Será tras a sinatura dos correspondentes convenios de colaboración entre o presidente provincial, Luis López, e os alcaldes Carlos Vieitez e Carlos Costa, respectivamente. Estas actuacións enmárcanse no Plan Extra, unha iniciativa do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros para proxectos estratéxicos en concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. No caso de Meaño, a Deputación achegará 700.000 euros para a construción dunha senda peonil que conectará Ponte Dena co bordo costeiro, nun proxecto valorado en case un millón de euros. "Trátase da axuda máxima que podía obter o Concello para executar un proxecto moi demandado pola veciñanza", explicou Luis López durante a sinatura no Pazo Provincial. A actuación contempla a creación dunha senda peonil cun ancho mínimo de 2,50 metros, a reordenación do tráfico rodado, a incorporación de elementos de calmado do tráfico e a renovación da rede de alumeado con luminarias LED, ademais da instalación de novo mobiliario urbano. CAMPO LAMEIRO En canto a Campo Lameiro, o organismo provincial asume o financiamento íntegro da reforma urbana e humanización do Camiño Agrelo, cunha achega de 450.000 euros a través do Plan Extra e 78.200 euros adicionais do Plan +Provincia para cubrir a parte correspondente ao Concello. "Falamos dunha zona de tránsito que aglutina gran parte dos servizos, de ámbito deportivo, educativo e sanitario. Ampliaremos unha rúa moi pequena que dará solución tamén ao saneamento", salientou o presidente provincial. O proxecto, valorado en máis de medio millón de euros, transformará os 575 metros do Camiño Agrelo, comprendido entre a rúa José Antonio e a estrada PO-231, mediante a renovación total dos pavimentos, a instalación da rede de saneamento de residuais e pluviais, e a mellora da accesibilidade e da seguridade viaria. Ademais destas actuacións específicas, a colaboración da Deputación con ambos concellos esténdese a outros programas do servizo de cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, alcanzando un investimento total de 1,38 millóns de euros para Meaño e máis dun millón para Campo Lameiro.