Barcelos xa era "vixiada e controlada" por ser "punto de menudeo" e dous dos agresores xa foran detidos

Wait 5 sec.

A responsable municipal da área de seguridade cidadá, Eva Vilaverde, que lamentou o sucedido este martes en Barcelos, explicou que os primeiros en acudir á zona foron os axentes da Policía Local de Pontevedra, algo que "non foi casualidade". Trátase dun punto que, segundo desvelou, estaba a ser "vixiado e controlado" pola policía municipal desde hai un tempo. Esa "inmediatez" e a coordinación cos efectivos da Policía Nacional, que tamén se incorporaron "con rapidez", permitiu ás autoridades deter os autores dos apuñalamentos, destacou a concelleira de seguridade cidadá. O operativo despregado, xunto coa asistencia "inmediata" aos feridos por parte do persoal sanitario do 061, fixo que o suceso "non pasase a maiores". "Esperemos que quede aí", afirmou Vilaverde, que avanzou que a partir de agora haberá que preocuparse das vítimas e da "alarma social" que provocou esta pelexa, ao ser nun horario "non que había moita xente presente" e nunha praza "moi concorrida". A edil do BNG quixo recoñecer o traballo que os axentes policiais están a facer "de maneira gradual" naqueles sitios nos que "é necesario garantir a seguridade dos pontevedreses" e erradicar puntos de trapicheo ou de conflitividade. Os corpos de seguridade, tanto municipais como estatais, "están enriba todos os días", aínda que moitas veces "non se perciba" porque non haxa patrullas na rúa. "Iso non quere dicir que a policía non estea. Se se coñecía ese punto é porque a policía estivera antes", engadiu. A este respecto, Eva Vilaverde sostivo que os datos "así o corroboran" porque dous dos detidos pola agresión en Barcelos xa foran arrestados pola Policía Local de Pontevedra o pasado 25 de abril pola súa relación con este "punto de menudeo". Vilaverde sinalou que "xa estabamos traballando aí", polo que entende que non é necesario facer un "operativo especial" a maiores porque "xa o tiñamos". A partir de agora, segundo a portavoz municipal, a investigación xa depende da Policía Nacional. NON HAI "CONSTANCIA CLARA" DE BANDAS XUVENÍS O intendente principal da Policía Local, José Manuel Abal, subliñou que este foi un feito "illado" e afirmou que "non nos consta que sexa unha dinámica que vaia a seguir". Barcelos era un punto "conflitivo", segundo o responsable policial, onde xa se realizaran "numerosas denuncias" por consumo de drogas, unha problemática "ante a que seguiremos insistindo", pero que non aprecia que se poida "reproducir". Esta vixilancia policial estaba a realizarse "desde principios de ano", explicou Abal, o que tras varias sancións administrativas e diversos operativos acabou derivando na detención por tráfico de marihuana deses dous mozos implicados agora nesta brutal agresión. "É o que facemos habitualmente cando detectamos algún punto con actividades deste tipo", apuntou o intendente policial, que destacou a "fantástica coordinación" que existe entre a Policía Nacional e a Policía Local, un traballo que cualificou como "inmellorable". Esta presión policial, reiterou, "pon o foco naqueles puntos onde hai esa conflitividade", sempre en colaboración cos cidadáns que, por exemplo, tras a pelexa de onte en Barcelos "nos permitiu detectar onde ocultaran a arma que se utilizou na agresión". En todo caso, José Manuel Abal insistiu en que non existe en Pontevedra unha "constancia clara" de que existan bandas xuvenís organizadas, máis aló de "grupos de rapaces que teñen certa afinidade entre eles e que dan este tipo de problemas".