Alcer lembra na rúa que un corpo doado pode salvar ata oito vidas

Wait 5 sec.

A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais (ALCER) instalou este mércores, 4 de xuño, unha mesa informativa na praza de Ourense de Pontevedra, coincidindo coa presenza do autobús de doazón de sangue, con motivo do Día Mundial do Doante de Órganos. A proposta é para lembrar a poboación sobre a importancia de facerse doante e render homenaxe a todas aquelas persoas que xa tomaron esta decisión. "Estamos aquí para concienciar a xente sobre a doazón de órganos pero sobre todo para honrar e dar grazas a todas aquelas persoas que algún día se fixeron doantes e doaron os seus órganos e a todas as súas familias por facelo e por salvar tantas vidas", explicou Nuria Cruz, presidenta de Alcer Pontevedra. Segundo os datos facilitados pola Organización Nacional de Trasplantes (ONT), España alcanzou cifras récord en 2024 con 6.464 trasplantes, o que supón un aumento do 10% respecto ao ano anterior, e rexistrouse un total de 2.562 doantes falecidos, un 9% máis. Estas cifras consolidan a España como líder mundial con 132,8 trasplantes por millón de habitantes e 52,6 doantes por millón. No caso de Galicia, os trasplantes aumentaron un 28%, sendo o ano con maior incremento de intervencións: 208 de ril, 48 de fígado, 64 de pulmón e 30 de corazón, acadando un total de 242 trasplantes. Ademais, a comunidade galega rexistrou unha taxa de 157 doantes por millón de poboación, superior á media estatal de 137,8. Malia estes bos resultados, a presidenta de Alcer Pontevedra sinalou que na provincia "este último ano estancáronse, incluso baixaron un pouco as doazóns. Non sabemos se é porque a xente nova está a botarse atrás ou porque houbo menos falecementos". Mesa informativa de Alcer na praza de OurensePablo Ajuria - Brais Porto Cruz tamén destacou que aínda persisten certos mitos e temores ao redor da doazón de órganos: "Aínda hai un pouco de resistencia a doar porque algúns pensan que hai relixións que o prohiben e non hai ningunha relixión que prohiba a doazón de órganos. Outros aínda están un pouquiño coas crenzas de que o teu corpo vai continuar contigo". Tamén mencionou que algunhas persoas temen que poida existir tráfico de órganos, algo que cualificou de "imposible en España" polo estrito control que existe, xa que as doazóns só se poden facer con persoas ingresadas en centros hospitalarios.. Para aquelas persoas interesadas en facerse doantes, a presidenta de Alcer Pontevedra explicou as diferentes opcións dispoñibles: "Pódese cubrir un formulario na páxina web da Coordinadora Galega de Trasplantes, a través dos folletos divulgativos que temos nas mesas informativas de diferentes asociacións de Pontevedra ou facendo as últimas vontades ou testamento vital". Cruz insistiu na importancia de comunicar esta decisión á familia: "Igual que sabemos que falar de irse, de morrer, é complicado, pero igual que dicimos cales son os nosos últimos desexos, pois eu prefiro ser incinerado, a min non me levedes ao cemiterio... Todo iso que si que se fala, falar tamén da doazón". A presidenta de Alcer Pontevedra lembrou ademais que "non hai idade para poder ser doante. O que tes é que ter o teu órgano en condicións". Cómpre destacar que, a pesar dos avances, o 2024 rematou con 193 persoas en Galicia á espera dun órgano para poder manter a súa vida, mentres que a nivel estatal a cifra ascendía a 5.096 pacientes en lista de espera. Ademais, as negativas familiares aumentaron no territorio galego, situándose nun 19%, lixeiramente por riba da media estatal. Un dos avances máis significativos deste ano foi o recoñecemento laboral para os doantes en vida, grazas á aprobación da Lei 6/2024, do 20 de decembro, que modificou o Estatuto dos Traballadores e a Lei Xeral da Seguridade Social para protexer e fomentar a doazón en vida sen que produza unha merma na actividade laboral ou económica do doante. Alcer lembra en Pontevedra a importancia de doar órganosPablo Ajuria - Brais Porto