Axentes da Policía Local de Pontevedra detiveron un home que agrediu cun desaparafusador á dependenta dun bazar para roubar o diñeiro que había na caixa rexistradora, apenas uns 30 euros. O suceso, segundo informou este corpo policial, produciuse na tarde do pasado sábado 31 de maio nun establecemento do centro da cidade. Foron varias persoas as que alertaron á Policía Local de que se produciu o roubo. Segundo recolle o parte policial, un home entrou no local e comprou o desaparafusador. Cando a dependenta abriu a caixa rexistradora, o individuo ameazouna coa ferramenta para facerse co diñeiro, chegando a agredila. Os axentes localizaron nas inmediacións do local a unha persoa que coincidía coa descrición que facilitase a vítima e á que lle deron o alto. O home admitiu ser o autor do roubo e explicou aos policías que o fixo pola súa grave adicción ás drogas. A Policía Local detívoo como autor dun delito de roubo con violencia ou intimidación sobre persoas.