230 xadrecistas con presenza de xogadores internacionais competirán este sábado en Raxó

Wait 5 sec.

O Centro Cultural Xaime Illa de Raxó é o escenario este sábado 5 de xullo do II Internacional APECR-Concello de Poio, unha competición que nesta edición bate todas as expectativas de participación ao reunir a máis de 230 xadrecistas, superando amplamente as cifras da edición de 2024. O torneo, que se desenvolverá durante toda a xornada, converteuse nun dos eventos máis destacados do calendario xadrecístico galego, atraendo a participantes de toda a comunidade, incluíndo representantes de prestixiosos clubs como Fontecarmoa ou Xadrez Mos, e contando incluso con algún xogador internacional. Entre os participantes atópanse tamén dez residentes en Poio que defenderán as cores locais. Un dos aspectos máis salientables desta competición é o seu carácter inclusivo. A organización disporá de material adaptado para xogadores con discapacidade visual para xogar co resto de participantes. Ademais, o evento está aberto a toda a cidadanía sen límite de idade, destacando especialmente a notable presenza de menores, con máis de 70 inscritos. O Internacional de Xadrez APECR 2025, que conta co recoñecemento oficial da Federación Galega de Xadrez e é válido para ELO FIDE de ritmo rápido, desenvolverase mediante un sistema suízo de 9 roldas, con partidas a un ritmo de 10 minutos máis 5 segundos de incremento por xogada. A competición dividirase en dúas sesións: catro roldas pola mañá e cinco pola tarde. Os participantes competirán en diversas categorías: absoluta, feminina, Sub-8, Sub-10, Sub-12, Sub-14, Sub-16 e Local, cun premio total que supera os 400 euros. Este torneo xurdiu en 2024 da colaboración entre tres entusiastas do xadrez -Dan Cruz, Luís Fraga e Pablo García- e o Concello de Poio, para recuperar e actualizar o Open Concello de Poio que se celebraba a principios dos anos 2000, un importante torneo internacional de nove días que formaba parte do Circuíto Galego. A competición rende homenaxe a Alberto Eyo Castro-Rial, un mozo moi querido na comunidade xadrecística galega, con fortes vínculos con Poio e Raxó, que faleceu en 2024. As iniciais do seu nome (APECR) permanecen no título do torneo como recordo permanente da súa figura.