Cen sancións de Tráfico en dous eventos de motor levan a Losada a pedir "axuda" a clubs e escuderías

Wait 5 sec.

A provincia de Pontevedra intensificará os controis de seguridade viaria nos eventos relacionados co motor tras as 100 sancións impostas pola Garda Civil durante o mes de xuño: 67 no Rally de Pontevedra e 33 na Concentración Moteira de Bueu. Este balance motivou unha reunión sen precedentes entre o subdelegado do Goberno, Abel Losada, a Xefatura Provincial de Tráfico e representantes de 15 organizacións do sector. Durante o encontro, ao que asistiron 25 persoas de 8 escuderías automobilísticas e 7 motoclubs, o subdelegado solicitou a colaboración dos organizadores para mellorar a seguridade no que denominou a "periferia" destes eventos: os desprazamentos e comportamentos fóra da programación oficial. "A maior parte dos problemas prodúcense arredor destes eventos e por parte do público asistente", sinalou Losada, quen destacou que non existe "o menor interese recadatorio, pero si todo o interese en garantir a seguridade viaria, que é algo que nos concirne a todos". O subdelegado eloxiou a responsabilidade dos organizadores, a quen definiu como "os primeiros interesados en que este tipo de probas sexan seguras". A provincia de Pontevedra, con 15 rallies, subidas e concentracións anuais, é un territorio con gran afección ao motor. Esta realidade require importantes recursos para o seu control e vixilancia, especialmente en datas sinaladas como a próxima Concentración Moteira de Sanxenxo, que atraerá en setembro entre 2.000 e 3.000 motos e a unhas 20.000 persoas, segundo o subdelegado. O comandante do Subsector de Tráfico da Garda Civil, Miguel Martínez, advertiu que "imos ir con todo este verán, con xente de todos os destacamentos e ata con reforzos se é necesario". Aínda que recoñeceu que máis do 90% destes eventos se desenvolven "sen novidade", puxo o foco nos desprazamentos "intertramos" durante os rallies, onde se detectaron a maioría das infraccións sancionadas en Pontevedra. Pola súa banda, a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, achegou un dato preocupante: o 50% da mortalidade nas estradas interurbanas da provincia corresponde a usuarios vulnerables, especialmente motoristas. Como medida concreta, o subdelegado solicitou aos clubs e escuderías que utilicen as súas redes sociais para difundir recomendacións de seguridade, xa que "gran parte do público recibe a información a través destas canles", converténdoos en vehículos idóneos para transmitir tamén as obrigacións normativas. A notable asistencia á reunión foi interpretada por Losada como unha mostra do "compromiso dos organizadores de eventos do motor" coa seguridade viaria, nun esforzo conxunto por achegarse ao obxectivo de "sinistralidade cero", aínda que recoñeceu que "sempre haberá alguén que infrinxa, pero hai que facer todo o posible para evitalo". Representantes de escuderías e motoclubes mantiveron un encontro co subdelegado do GobernoSubdelegación do Goberno