Profesionais de Camper achegan o alumnado da Facultade de Deseño aos procesos de traballo na industria do calzado

Wait 5 sec.

Un convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a empresa Camper permitiu ao alumnado do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, da Facultade de Deseño, mergullarse nos procesos de traballo na industria do calzado. Ao longo desta semana, profesionais de diferentes departamentos dunha firma con presenza en máis de 40 países impartiron un seminario no que guiaron ás estudantes no desenvolvemento das súas propias "propostas de investigación e experimentación", como sinala Lola Dopico, coordinadora do mestrado. Estes deseños tiñan á súa vez como punto de partida a idea inicial que lles trasladaron as deseñadoras de Camper, que convidáronas a idear pezas que, afastándose das modas, partisen dun sentimento ou dunha historia persoal. Como destaca Dopico, trátase dun workshop que supón "un adestramento moi potente" para o alumnado, no referido tanto ao deseño de calzado, "que é algo moi específico, moi técnico e cun aspecto tridimensional que fai necesario un pensamento un pouco diferente", como aos procesos de "traballo en equipo" da propia industria. Esta actividade contou coa participación de Gloria Rodríguez, directora de programas culturais de Camper; Adriana Rodríguez, xefa da rede de creativa desta empresa; Hilda Niemela, xefa de contido creativo e de deseño de materiais e cor, e Laura Tenllado, deseñadora de contido creativo. Este taller botou a andar este luns cunha sesión de presentación na que Gloria Rodríguez buscou introducir ás estudantes "nos valores, misión de marca" e procesos de traballo en Camper, tras a que Tenllado e Niemela pasaron "a explicarlles como funciona o proceso creativo" nesta firma, coa idea de que, "dalgunha maneira, o resultado do workshop sexa como o resultado dun exercicio que podería facer o equipo interno". Con ese propósito, as profesionais achegaron a este seminario tanto unha mostra de materiais e de zapatos como un briefing no que se recollían as claves da proposta que debía desenvolver cada participante. Co obxectivo de amosar ás alumnas como cores, texturas ou patróns poden "cambiar totalmente a sensación dun material e a personalidade dun zapato", este documento propuñalles crear "deseños de superficies atrevidos experimentais", con materiais téxtiles ou coiro e empregando procesos como o estampado, o corte por láser, o tinguido a man, a serigrafía ou o bordado. Como recolle esta proposta, o obxectivo desta semana formativa era abordar "como as superficies poden contar historias", o que levou a convidar ás estudantes a deseñar os seus prototipos partindo dun "sentimento, unha historia persoal ou algo visual que te conmova". Coa idea de simular un "proceso de traballo real", como sinala Adriana Rodríguez, as sesións iniciais víronse sucedidas polo traballo autónomo das participantes, tras o que o mércores tivo lugar unha reunión de 'design feedback', dirixida a coñecer as súas primeiras propostas e axudarlles a seleccionar o tipo de zapatos ou materiais máis adecuados de cara ao deseño final. Finalmente, este venres tivo lugar a presentación dos proxectos desenvolvidos, nun taller no que as participantes non tiñan que realizar un zapato, pero si presentar bocexos, colaxes ou maquetas dos seus deseños. Concretamente, as participantes debían "inventar un concepto e aplicalo de tres formas diferentes", presentando unha proposta máis centrada na imaxe, outra cun carácter máis comercial e outra cun enfoque tridimensional, "que é internamente o que tamén facemos nós", explica Tenllado.