A pasada semana, quedei atónita vendo como no Parlamento de Galicia, dous líderes, concretamente Alfonso Rueda e Ana Pontón, estaban a ter unha dura confrontación, como non! que descoñezo como se orixinou, porque non vin o comezo da noticia, pero que tiña como eixe central a dantesca semana en canto a violencia machista que viñamos de vivir, con cinco mulleres asasinadas e un meniño de tan só tres anos. Obviamente, ambos están nas antípodas politicamente falando, pero quedei abraiada e tremendamente impactada escoitando como tiñan unha nota común: a frialdade coa que ambos estaban a utilizar a violencia machista, as súas vítimas, como unha ferramenta política calquera, buscando descualificarse mutuamente, pero sen o menor atisbo de humanidade por ningunha das dúas partes. Quedei francamente impresionada, e non é unha frase feita, porque calquera que me coñeza sabe que, para min, todo o que teña que ver coa violencia de xénero o vivo en primeira persoa, e, malia que teño que recoñecer que tampouco é que me sorprendera demasiado, as cousas como son, non son quen de entender que ninguén que se chame ser humano poida utilizar tanta dor coma se falaran, eu que sei, de orzamentos, de impostos, ou de calquera outro tema que precisara coñecementos, si, pero cero sentimentos. Escoitalos foi coma unha especie de catarse, que me levou a reflexionar sobre o que levamos vivido, escoitado e visto nestes 11 anos transcorridos desde que botamos a andar con Si, hai saída, que non é pouco, como é doado de imaxinar. En todo este tempo erramos en moitas ocasións, seguramente en moitas máis das que somos conscientes, e sempre que tomamos conciencia de telo feito, tentamos corrixilo, pero se hai algo que non mudou, nin temos previsto que o faga, e que nunca, baixo ningún concepto, o fará, é o nulo afán de lucro, ou de beneficio para nós co que nacimos, co que seguimos camiñando, e que, para a nosa sorpresa, tanto rexeitamento produciu, e continúa a facelo, ata o punto de que sabemos que somos, como xa dixen, rexeitados, por non dicir odiados, por moitos e moitas. Porque nunca compartimos máis intereses nin máis obxectivos que non sexan traballar por e para as vítimas, e axudar, dentro das nosas escasísimas posibilidades, as mulleres que se achegan a nós tentando fuxir dese inferno que é a violencia machista. Non nos faltaron oportunidades, nin ofertas, para subirnos a ese carro que seguramente faría que as nosas vidas foran hoxe moi diferentes, a lo menos en canto a prestixio social, e, por suposto teriamos, ademais dos nosos despachiños, os petos ben saneados, pero os nosos tiros nunca foron por aí. Respectamos o traballo de todo o mundo, algo que moi poucos fan co noso, pero de aí a compartilo, media un treito. Non puiden evitar, vendo a acre disputa entre os dous políticos, lembrar a época dos nosos comezos, deses e desas activistas "full time" que dicían compartir os nosos obxectivos, e decateime de que todos e todas elas pasaron a formar parte dese sistema que tanto dicían denostar, pero do que hoxe viven estupendamente ben. Lembrei o meu efímero achegamento á política, á que cheguei coa ilusión de poder contribuír desde dentro, malia que soamente fora cun empurronciño, á loita contra a violencia de xénero, pero moi pronto se me deixou claro que non era iso o que se agardaba de min, que debería axustarme a un guión pechado, que beneficiara ao partido, e que as vítimas, traballar por e para elas, si, era importante, pero menos. O que realmente importaba era aparentar, antes que facer, e que se valoraba moito máis, por poñer tan só un exemplo, saír cunha pancarta a berrar á rúa, que non digo que estea mal, ollo, que acompañar a unha vítima a entregarlle o seu fillo ao seu agresor para pasar a fin de semana, ou á comisaría a denunciar a súa parella porque acababa de agredila, pero sen testemuñas, sen fotos, sen, nunha palabra, propaganda. Que contaba, e segue a contar máis, un hipócrita e inútil minuto de silencio que denunciar alto e claro que non se está a protexer as vítimas, aos seus fillos, e que se tiña que compartir ese minuto cos mesmos que as desprotexeran, era o que tocaba, e caladiña, porque a política é o que conta e non se pode perder nin un só voto polo camiño, e menos por non prestarse a ese teatro que custa vidas. Para que seguir? Así as cousas, non é de estrañar, sen ir máis lonxe, que a día de hoxe, en pleno ano 2025, teñamos unha ministra de Igualdade que nos di, sen despeitearse, que aínda están estudando se os períodos vacacionais teñen que ver co aumento de casos de violencia de xénero no verán, se será cousa da subida das temperaturas, pero en ningún momento, polo visto, se lle pasa pola cabeza que o mesmo ten algo que ver o feito de que as Ufam fiquen valeiras, e a case total desprotección que sufren as vítimas, así como o nulo seguimento aos agresores e que, en consecuencia, gocen dunha case total impunidade. E nas mans desta señora tan "iluminada" se pon un ministerio do que dependen tantas e tantas vidas. Hai algo que se lle dá de luxo, iso si, o mesmo que a súa antecesora, gastar miles e miles de euros en campañas inútiles, en "saraos" para o seu ministerio e chiringuitos afíns, mentres moitas mulleres poñen as súas vidas en risco cada día convivindo cos seus agresores porque non hai recursos para axudalas a acceder a unha vivenda, ou teñen que agardar meses e meses por unha mísera axuda para, a duras penas, poder pagar unha factura da luz, por exemplo, e iso no mellor dos casos, porque, na maioría, esa axuda non chega nunca, ou os servizos sociais se esquezan totalmente delas sen unha sinxela chamada telefónica en meses e máis meses, pero, iso si, a cambio, se lles fala moito de empoderamento e de sororidade, como se iso lles fora pagar o aluguer, ou lles servira de axuda para alimentar e vestir aos seus fillos ou a elas mesmas. Agora si, o que queda máis que demostrado é que a violencia machista é a causa "de moda", a que vende, e que, unha vez metidos na mecánica do "altruísmo", "activismo", ou como se lles queira chamar, é o pasaporte perfecto para triunfar na política, mesturarse cos VIP e, por que non?, tentar chegar a ser un ou unha delas, ademais, por suposto, de asegurarse un futuro co ril ben cuberto, e cun despacho sempre dispoñible. Se hai que baleirar un, rapidamente se atopa un novo e, por suposto, un novo cargo que o xustifique. Asociación Si, hai saída.