"Un espazo aberto para converter ideas en proxectos" e "un punto de encontro accesible e próximo". Así definiron as persoas asistentes a nova sede do Grupo de Acción Local (GALP) Ría de Pontevedra durante a xornada de portas abertas celebrada o xoves, na Casa Rosada do Concello de Poio. A participación foi ampla e diversa: veciñanza, representantes institucionais, empresariais, culturais e do sector marítimo-pesqueiro achegáronse a coñecer o espazo e interesarse polo labor que desenvolve o GALP no territorio. A cita contou cun acto institucional encabezado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña; o alcalde de Poio, Ángel Moldes; e a presidenta do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez Nores. Ao remate do acto, as persoas asistentes gozaron dun espazo de encontro con música en directo e degustación de produtos do mar, nun ambiente distendido que favoreceu o diálogo e a creación de novas sinerxías entre os distintos axentes do territorio. Durante a súa intervención, a presidenta do GALP-RP destacou o valor estratéxico desta nova sede para o territorio: "Abrimos as portas desta nova sede con ilusión e compromiso, para seguir acompañando aos axentes locais nos seus proxectos e garantir que todo o territorio do GALP, se sinta parte activa desta rede de desenvolvemento local sostible" – sinalou María del Carmen Vázquez Nores. Pola súa banda, a conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña, puxo en valor o traballo dos GALP como canles de impulso para o sector "para buscar o mellor e fomentar o desenvolvemento das estratexias que teñen marcadas para estas comunidades". A nova oficina de Poio súmase á sede xa existente en Marín, co obxectivo de achegar os servizos ao conxunto do territorio, reforzar a proximidade e facilitar o acceso da cidadanía ao asesoramento que ofrece o GALP. Ambas sedes funcionarán con atención con cita previa, o que permitirá ofrecer un acompañamento personalizado a todas as persoas, entidades e empresas interesadas en promover iniciativas no marco da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP). Inauguración da nova sede do Galp Integrado por seis municipios (Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño), este GALP desenvolve 25 proxectos para os que conta con 1,96 millóns de euros de axuda pública e de 2,6 millóns de investimento privado. Dende o GALP-RP reafírmase así o compromiso coa totalidade do territorio que abrangue a entidade, traballando da man do sector, da sociedade civil e das administración locais para impulsar proxectos innovadores e transformadores que poñan en valor o medio mariño, o patrimonio cultural e natural e as persoas que viven del e nel. Desde os seus inicios, o GALP Ría de Pontevedra actuou como espazo de encontro entre axentes públicos e privados, promovendo un modelo de desenvolvemento baseado na sostibilidade ambiental, a igualdade de oportunidades e a valorización dos recursos mariños e culturais. A través da xestión de fondos europeos como o FEMPA, a entidade impulsa proxectos que xeran impacto social, económico e ambiental positivo e perdurable no tempo. A nova sede representa un paso máis no compromiso do GALP coa súa contorna, ofrecendo un espazo aberto de acompañamento, formación e apoio técnico a todas aquelas persoas, entidades e empresas que teñen iniciativas ligadas ao mar, á innovación social ou á diversificación económica e ao futuro das zonas costeiras.