O remo marinense suma tres medallas no Campionato de España

Wait 5 sec.

Grandes resultados para o Club de Remo Ría de Marín no Campionato de España de Remo Olímpico celebrado durante a fin de semana en Sevilla. Foi unha competición para as categorías cadete, xuvenil e absoluta, na que participaron preto dun milleiro de deportistas de 60 clubs de toda a xeografía nacional. Todo no medio dunha calor extrema, con temperaturas de case 40 graos, que levaron ao extremo aos remeiros. O Ría de Marín presentouse en Sevilla cunha delagación de catro remeiros e tres tripulacións, e todos eles tocaron metal ao conseguir o bronce nas súas probas. Paula García e Breogán Fariña, competindo na categoría de remo paralímpico, conseguiron subir ao terceiro chanzo do podio nunha final na que se enfrontaban a embarcacións con experiencia en campionatos europeos e mundiais. Ademais Xián Gutiérrez e Níobe Barreiro, de maneira individual, conseguiron o seu respectivo bronce nas finais xuvenís masculina e feminina. CONVOCATORIA COA SELECCIÓN ESPAÑOLA SUB-19 Os bos resultados da temorada para o Ría de Marín reflectíronse tamén coa inclusión dun dos seus remeiros nos equipos nacionais. Aos seus 16 anos Xián Gutiérrez foi chamado por primeira vez pola Selección Española Sub-19, coa que tentará facerse un oco para o próximo Mundial da categoría que se celebrará en Lituania.