O actual portavoz do grupo municipal socialista, Iván Puentes, é o único candidato que se presentou para relevar á anterior responsable do PSOE local en Pontevedra, Maica Larriba. Ao non haber máis candidatos, será proclamado este sábado no congreso que os socialistas celebrarán na Sala Zennet de Pontevedra. Puentes, que encabezará a executiva local os próximos catro anos, explicou que asume esta responsabilidade cunha "infinita dose de orgullo e de ilusión" e co reto de axuntar nunha mesma candidatura as "diferentes sensibilidades e visións" que hai entre os socialistas. A partir de agora, subliñou o líder socialista, iníciase un traballo "moi importante" de dous anos, até as próximas municipais, nos que "non pode haber nin un día de tregua". A este respecto, Iván Puentes avanzou que o PSOE percorrerá "todas e cada unha" das casas de Pontevedra para "escoitar e falar" cos cidadáns e reunirase coas entidades sociais para construír entre todos unha "opción gañadora". O próximo mandato debe supor "iniciar un novo tempo" na cidade, dándolle "máis forza", fixándose en todo o construído ao longo dos anos e, ao mesmo tempo, traballando en aspectos "que foron deixados a un lado". Para iso, Puentes asegurou que contará cun equipo "absolutamente renovado" e que está convencido de que marcará "un antes e un despois", integrado por xente nova "e moi capacitada" e que, por primeira vez, contará con máis mulleres que homes. Con todas estas vimbias, sentenciou, o PSOE chegará "máis forte que nunca" ás eleccións de 2027 para poder "liderar" o próximo goberno municipal de Pontevedra.