Ata o próximo 13 de xullo poderá visitarse na Escola de Cantería de Galicia a mostra O miliario das arxinas, unha exposición que recolle os traballos de fin de curso do alumnado de pedra natural da escola, que desde este curso é centro integrado de FP. Esta iniciativa ten unha forte carga simbólica de lembranza dos últimos canteiros da vella escola, que deixan a súa pegada para que o seu legado perdure no tempo. Así, cada estudante estampou no miliario a súa sinatura como marca de oficio e símbolo de continuidade, convidando ás futuras xeracións a facer o mesmo. O nome 'miliario das arxinas' representa ademais a antiga tradición romana de situar columnas cilíndricas nas vías para sinalizar as distancias. A mostra foi visitada este venres polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, que felicitou o estudantado polo nivel técnico e artístico das pezas, todas elaboradas en granito. Inauguración da mostra 'O miliario das arxinas' na Escola de CanteríaXunta de Galicia Rodríguez destacou que esta escola "é un exemplo de como tradición e vangarda poden convivir para formar profesionais altamente cualificados". Este curso escolar foi un fito para a Escola de Cantería, que pasou a ser centro integrado de FP, recoñecendo oficialmente os seus estudos e permitindo que persoas tituladas en anos anteriores poidan acreditar a súa experiencia profesional. Para o curso 2025-2026, o CIFP Cantería de Galicia ofertará catro titulacións de alta especialización cun total de 96 prazas. Será un "salto cualitativo" que segundo o conselleiro, "contribuirá a recuperar e consolidar a cantería como unha profesión con futuro e con identidade propia". O centro conta cos ciclos de alta especialización en pedra natural, FP básica en reforma e mantemento de edificios e FP dual intensiva nas especialidades de construción, proxectos de edificación e o novo ciclo medio dual intensivo de escavacións e sondaxes. Trátase de itinerarios formativos deseñados en coordinación co sector produtivo, para dar resposta a perfís técnicos moi demandados e mellorar a empregabilidade do alumnado.