Meaño promete encher de sabor o corazón do Salnés coa súa Festa do Viño

Wait 5 sec.

Este venres presentouse oficialmente a XXIV Festa do Viño de Meaño, un evento que promete encher de sabor, tradición e alegría o corazón do Salnés os días 18, 19 e 20 de xullo. Considerada unha das citas imprescindibles do verán galego, esta edición volverá reunir veciños e visitantes ao redor da cultura vitivinícola da rexión. Contará coa participación de 22 adegas locais, que ofrecerán o seu produto en casetas situadas nunha carpa instalada na Praza do Concello. A programación, variada e pensada para todos os gustos, combinará viño, gastronomía e música en distintos espazos. Presentación da XXIV Festa do Viño de MeañoConcello de Meaño A festa arrincará o venres 18 de xullo ás 20:00 horas coa apertura das casetas. A música non se fará esperar, cos concertos da Bumm, Antonio Barros e Lys Pardo ás 21:00 horas, seguidos pola orquestra Players e o DJ Paco Vulcano para pechar a noite. O sábado 19 de xullo celebrarase un acto de recibimento ás 20 confrarías procedentes de Francia, Portugal, Canarias, País Vasco, Cantabria e Asturias que se sumarán á celebración. A tarde e a noite estarán amenizadas pola charanga O.T, o concerto da Roda, a orquestra Oca Band e o DJ Quico. Os actos centrais terán lugar o domingo 20 de xullo, comezando ás 11:00 horas coa celebración do IV Capítulo de Confrarías, que incluirá irmandamentos e o nomeamento de novos Cabaleiros e Damas. Ás 12:30 horas, un desfile de autoridades, adegueiros e confrarías percorrerá o traxecto desde o Pazo de Lis até a Praza do Concello. A lectura do pregón será ao medio día a cargo de Rafael Louzán Abal, Presidente da Federación Española de Fútbol. A música continuará ás 14:00 horas co concerto de Amigos do Acordeón Rías Baixas e, ás 15:00 horas, celebrarase a comida de confraternidade. Xa pola tarde, a charanga Alambique actuará ás 20:00 horas, e a XXIV Festa do Viño de Meaño despedirase coa actuación do grupo América.