No pasamento do noso compañeiro Enrique Rodríguez Blein

Wait 5 sec.

Temos que lamentar hoxe a morte do noso compañeiro e amigo Enrique Rodríguez Blein, socio da "Asociación pola Defensa da Ría" desde a súa fundación e unha das persoas que participou na que poderiamos considerar como "Asemblea fundacional" da APDR, unha asemblea aberta á participación cidadá e na que nos xuntamos arredor de 80 persoas co obxectivo de constituír unha organización para loitar polo saneamento e recuperación da nosa Ría. Desde aquel primeiro contacto, Enrique aportou ideas en todas as asembleas da Asociación e participou en cantas actividades se desenvolveron ao longo dos 37 anos de vida da APDR. Neste sentido, debemos indicar que mesmo nos últimos anos, nos que a avanzada idade e a súa saúde non lle permitían realizar o percorrido total nas Marchas contra CELULOSAS, achegouse sempre á alameda pontevedresa para acompañarnos no treito da baixada de San Roque ata chegar á autovía a Marín. Este ano, hai ben poucas datas, sei que non foi unha excepción; acompañounos máis unha vez na saída. Con seguridade sentiuse ledo ao ver a enorme participación cidadá acadada na que foi a súa derradeira mobilización coa APDR. Para a Xunta Directiva, esta é unha razón máis para estar orgullosas do éxito acadado, un éxito que queremos adicarlle hoxe de forma moi especial a quen foi un compañeiro de viaxe leal e xeneroso, un amigo disposto sempre a aportar a súa enorme experiencia como persoa e como profesional do dereito. Que a terra lle sexa leve. Pontevedra 17 de xuño de 2025 Pola Xunta Directiva, Asdo.: Antón Masa, presidente da APDR