Os sindicatos da Policía Local de Pontevedra (CCOO, SPPME, CIG e CSIF) manifestaron nas últimas horas o seu compromiso para garantir a seguridade no evento Multisport 2025, que se celebrará nos próximos días na cidade, a pesar das polémicas declaracións da concelleira Eva Vilaverde. Os representantes sindicais cualifican de "inxustas e preocupantes" as afirmacións da responsable municipal de Seguridade Cidadá, quen sostivo que este ámbito "non é cousa da Policía Local". Segundo os sindicatos, estas declaracións "descoñecen as funcións e competencias legais" do corpo policial e "desvalorizan o traballo diario" dos axentes. Na súa defensa, a representación sindical lembra que a Lei de coordinación de Policías Locais de Galicia establece claramente que os corpos policiais municipais "protexerán o libre exercicio dos dereitos e liberdades e contribuirán a garantir a seguridade cidadá", entre outras funcións. Malia o que consideran unha "falta de apoio institucional", os sindicatos aseguran que o corpo policial "continuará a exercer as súas funcións con responsabilidade, profesionalidade e vocación de servizo público" durante o Multisport 2025, garantindo que o evento se desenvolva "con total normalidade e tranquilidade". Afirman que despois do balbordo político, a representación sindical demanda unha reunión coa concelleira Eva Vilaverde para "abordar este e outros temas que afectan directamente ao desempeño do corpo e á calidade do servizo prestado á cidadanía". Insisten en que seguirán traballando "cos medios que se dispoñen, para manter os estándares de seguridade en Pontevedra entre os máis altos das grandes cidades de Galicia".