Horta Chef pecha a súa terceira xornada con grande éxito de participación do alumnado do Colexio Campolongo

Wait 5 sec.

O Colexio de Educación Primaria (CEP) Campolongo viviu uns días cheos de sabor, aprendizaxe e diversión durante a celebración da actividade Horta Chef, organizada pola Asociación de Nais e Pais (ANPA) San Xosé. Durante tres días consecutivos de obradoiros de cociña, o alumnado de todos os niveis de Primaria tivo a oportunidade de aprender receitas saudables da man de recoñecidos chefs locais. Dende o luns 16 até o mércores 18 de xuño, diferentes restaurantes e escolas de cociña de Pontevedra colaboraron co colexio para ofrecer a nenos e nenas experiencias prácticas na cociña. Os cursos de 2º e 3º de Primaria comezaron con receitas sinxelas e divertidas, como filloas e ensaladas de pasta ou pataca, preparadas polos equipos de Crette-cotté e Semplice. Os grupos de 4º e 1º de Primaria aprenderon a facer pasta fresca e tortiñas de plátano coa axuda de Il Piccolo e Cousiñas. Finalmente, os maiores, de 5º e 6º de Primaria participaron na elaboración de empanadillas de carne de churrasco e arepas, guiados polos chefs dos restaurantes Noro e Trasmallo. Antonio Novas, chef do restaurante Trasmallo, explica que "ver como os nenos valoran o que facemos é moi motivador. A actividade é divertida e diferente ao que estou afeito no meu traballo diario, pero a interacción cos pequenos é enriquecedora". No seu obradoiro, Novas ensinou aos nenos a facer arepas venezolanas e colombianas, unha receita sinxela e libre de alérxenos, un detalle que dende a organización se coidou especialmente, onde os participantes puideron moldear a masa ao seu gusto para logo levala a casa para o cociñado final á prancha en familia. Neste sentido, Uxía Gallego, vogal da ANPA, destacou que "facemos estas actividades para achegar a cociña aos nenos e nenas, pero tamén involucrar ás familias e que poidan cociñar todos xuntos ". Iria Asorey, vicepresidenta da ANPA, resaltou que estas xornadas non só fomentan a curiosidade pola cociña, senón que tamén reforzan valores de autonomía e alimentación saudable: "É moi positivo ver como os nenos gozan e aprenden á vez; ademais, estas actividades permiten que as familias continúen en casa o que aprenderon no colexio". O chef Fernando Barreiro, do restaurante Noro, compartía con este medio que "elixín facer empanadillas con carne de churrasco porque é unha receita rápida e sinxela, perfecta para que os nenos participen e aprendan a pechar e encher a oblea". Para Barreiro, esta é a súa primeira experiencia en Horta Chef, da que valorou "a curiosidade dos nenos por experimentar e aprender na cociña, que é algo que me encanta e que debería fomentarse máis nos colexios". [galleries:vertical:10514]