Adrián Sieiro, subcampión de Europa en C2 500

Wait 5 sec.

O Campionato de Europa de Piragüismo Sprint e Paracanoe de Racice chegou ao seu fin este domingo cunha gran actuación dos padeeiros galegos. A primeira alegría do día chegou da man de Adrián Sieiro (Club Náutico O Muiño de Ribadumia) que volveu subir ao podio tras facerse co segundo posto no C2 500 metros xunto ao madrileño Daniel Grijalba (1:36.148). Os padeeiros españois mantiveron un ritmo sostido e loitaron pola vitoria até o último metro, pero quedaron a tan só 90 milésimas dos campións italianos. Carlos Arévalo, do Club Fluvial de Lugo, engadiu outro metal para a armada española ao conseguir o bronce na final do K1 200 metros masculino. O de Betanzos detivo o crono en 34.554 segundos nunha proba de máxima igualdade na que logrou asegurar a terceira praza ao reaccionar ben ao empuxe dos rivais nos últimos metros. O serbio Strahinja Dragosavljevic finalizou en primeiro lugar (34.138), co portugués Messias Baptista segundo (34.174). Na modalidade de paracanoe, Adrián Mosquera, do Club Piragüismo Rías Baixas-Boiro, tamén subiu ao podio ao facerse co metal de bronce na final do VL3 200 metros masculino cun tempo de 49.793 segundos. A carreira dominouna o ucraíno Vladyslav Yepifanov (46.783), ao que seguiu o británico Stuart Wood (48.696). Jaime Duro (Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra) quedou ás portas do podio cun cuarto posto na final do C1 5000 metros; Estefanía Fernández (Club Fluvial de Lugo) fíxose coa cuarta praza na final do K1 5000 metros e coa quinta xunto a Begoña Lazcano na final A do K2 500 metros; o ribadumiense Manuel Fontán finalizou en novena posición na final A do C1 500 metros e, na modalidade paralímpica KL3 200 metros, Araceli Menduiña (Club de Mar Ría de Aldán-Gandón) acabou cuarta.