O BNG reclama explicacións no Senado tras o asasinato de dúas mulleres protexidas polo sistema Viogén

Wait 5 sec.

A senadora pontevedresa do Bloque Nacionalista Galego, Carme da Silva, solicitará a comparecencia urxente da Delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero para que explique os fallos no sistema de protección que non impediron os asasinatos de dúas mulleres galegas que contaban con medidas activas no sistema Viogén. Os feminicidios, acontecidos en Campo Lameiro e na Coruña en apenas dúas semanas, poñen de manifesto "graves deficiencias" no sistema de protección, segundo denuncia a formación nacionalista. "O sistema fallou e non impediu que Maritza e Marisol fosen asasinadas polos seus maltratadores", afirma Da Silva. O caso de Maritza, asasinada o pasado 15 de xuño no barrio da Sagrada Familia da Coruña, resulta especialmente grave segundo a senadora nacionalista, xa que contaba cunha sentenza condenatoria que incluía unha orde de afastamento que, segundo fontes oficiais, aínda estaba "en fase de execución" e non fora comunicada ao condenado no momento do crime. Entre as medidas concretas que o BNG levará ao Senado está a petición de activar "de inmediato" medidas reforzadas de protección, revisar os protocolos de valoración de risco, e implantar "dunha vez por todas" a prometida versión mellorada do sistema Viogén 2, con máis recursos e maior capacidade de resposta. Ademais, a formación nacionalista reclama a convocatoria dun Comité de Crise para analizar estes dous feminicidios e establecer mecanismos de control efectivo para agresores reincidentes en situación de liberdade, como no caso da veciña de Moraña Marisol Costa que finalmente era vítima do agresor en Campo Lameiro. "Non pode quedar todo en roldas de prensa ou condolencias institucionais. A sociedade exixe respostas, e as vítimas teñen dereito a que se tomen decisións contundentes", afirma Da Silva, quen tamén insiste na necesidade de formación obrigatoria e especializada en violencia machista para todos os axentes implicados na cadea de protección.