A Bienal de Pontevedra intégrase nas rúas co seu ciclo de Artes Vivas: o corpo como linguaxe artística

Wait 5 sec.

A arte contemporánea abandona as salas de exposición tradicionais para conquistar rúas, edificios históricos e espazos industriais na 32ª Bienal de Arte de Pontevedra. Este venres 27 de xuño comeza o ciclo de Artes Vivas, unha programación que sitúa o corpo, a acción e a presenza como elementos centrais da experiencia artística e que transformará diferentes puntos da provincia en escenarios efémeros ata finais de setembro. Comisariado por Iñaki Martínez Antelo, o programa foi presentado este luns no Museo do Mar de Galicia en Vigo, nun acto que contou coa presenza dos vicepresidentes da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez e Luisa Sánchez, así como do artista portugués Vasco Araújo, encargado de inaugurar o ciclo. "A Bienal medra fóra dos espazos expositivos tradicionais e faise corpo, presenza e voz tamén na rúa e na contorna", salientou Rafa Domínguez durante a presentación, definindo esta edición como "a mostra cultural máis ambiciosa feita nunca na provincia". Pola súa banda, Luisa Sánchez destacou o carácter descentralizador do proxecto, que achega "a cultura contemporánea a todo o territorio, sen excepción". PERCORRIDO ARTÍSTICO O ciclo, que se desenvolverá entre o 27 de xuño e o 26 de setembro, propón unha serie de intervencións cada venres, agás os festivos, en diferentes localidades da provincia. Espazos urbanos, patrimoniais, museísticos e industriais de Pontevedra, Vigo, Ponteareas, O Grove e Sanxenxo converteranse en escenarios de propostas artísticas contemporáneas con acceso gratuíto ata completar aforo. Entre os artistas confirmados figuran nomes destacados da escena nacional e internacional como La Ribot, Janet Novás, María Salgado, Leonor Leal, Hugo Torres, Marta Fernández Calvo, Cris Balboa ou o colectivo Glovo. Tamén participará Marc Vives, que chegará ao Museo do Mar de Vigo o 29 de agosto coa performance "SSSSS". "O programa traza unha dramaturxia expandida que nos convida a pensarnos desde o corpo e desde o encontro, no contexto dunha sociedade marcada pola incerteza e a fragmentación social", explicou o comisario Iñaki Martínez Antelo, quen subliñou que o lema da Bienal, "Volver a ser humanos", actúa como fío condutor de todo o ciclo. Luisa Sánchez e Rafa Domínguez, vicepresidentes provinciais, presentaron o ciclo Artes Vivas da BienalDeputación de Pontevedra "LIBERTAS" A primeira proposta do ciclo terá lugar este venres 27 de xuño ás 20:00 horas en Pontevedra. Trátase de "Libertas – Da condición de persoa libre", unha performance coral participativa dirixida polo artista portugués Vasco Araújo. A acción, que partirá do Pazo da Cultura, convida á cidadanía a unirse a unha marcha cantada polas rúas da cidade interpretando o histórico "Coro dos escravos" da ópera Nabucco de Giuseppe Verdi, símbolo da loita contra a opresión. "Esta acción é unha marcha poética e política, na que as voces se unen para lembrar que a arte pode ser tamén unha forma de resistencia", explicou Araújo durante a presentación. "É unha chamada a pensar xuntos sobre o que significa a liberdade: quen a posúe, quen a impón, quen a perde". A proposta está aberta á participación de calquera persoa interesada, sen necesidade de experiencia previa. Recoméndase acudir vestido de branco, e haberá un ensaio previo o día anterior. Tras a inauguración, o ciclo continuará o 4 de xullo no claustro do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra coa performance "Una vajilla, una premonición" de Marta Fernández Calvo, en colaboración coa cantante viguesa Su Garrido Pombo. Este traballo revisará cinco anos de práctica artística centrada nos conceptos de alimento e coidados, materializándose nunha instalación e nunha performance con especial énfase no son e na palabra. "As Artes Vivas son unha oportunidade para pensar dende outro lugar, para relacionarnos coa arte sen intermediarios, e para activar preguntas compartidas no espazo común", concluíu Martínez Antelo. "Non buscamos ofrecer respostas, senón activar desacougo, sensibilidade radical e reflexión colectiva". A programación completa e toda a información práctica está dispoñible na web oficial da Bienal: https://bienal.depo.gal.