A Deputación de Pontevedra investirá 54.500 euros na creación dunha nova proba deportiva que unirá dous dos puntos de referencia patrimonial da provincia: os castelos de Sobroso e Soutomaior. O trail "Entre Castelos Rías Baixas", de carácter totalmente gratuíto, nace coa ambición de atraer o turismo activo á provincia. A Xunta de Goberno aprobaba o expediente de contratación para adxudicar a organización desta iniciativa, que se enmarca no Plan de Comunicación dos Castelos e na Estratexia Rías Baixas Turismo 61. "Con actividades coma esta, os castelos de Soutomaior e Sobroso están a converterse en centros turísticos de primeira orde", destacou o presidente provincial Luis López, quen subliñou a importancia de combinar deporte e patrimonio para a promoción turística. A proba, que espera acoller arredor de 1.000 participantes, contempla tres modalidades para todos os públicos: un trail para adultos (carreira a pé en medio da natureza) que partirá do Castelo de Sobroso cara ao de Soutomaior, unha andaina popular e unha carreira infantil. As actividades desenvolveranse ao longo de dúas xornadas nas que, ademais da competición, haberá conferencias e adestramentos con influencers deportivos. Para facilitar a participación, a organización disporá dun servizo de autobuses lanzadeira entre os distintos puntos do percorrido. Tamén se habilitará unha ludoteca con monitores especializados para o coidado de nenas e nenos, garantindo así a participación das familias nun evento pensado para ser inclusivo e accesible. Na Xunta de Goberno tamén se aprobou o investimento de 1,1 millóns de euros para dez concellos, entre os que se atopan Cerdedo-Cotobade e Cambados, dentro do Plan +Provincia. Por outra banda, este luns tamén se aprobaba a modificación das bases reguladoras das convocatorias de acceso aos programas de Acción Comunitaria provinciais. Van destinarse 5 millóns de euros aos movementos veciñais, un 112% máis de investimento do previsto inicialmente.