Vinte anos de vida para un parking do porto deportivo polo que pasan 460 coches ao día

Wait 5 sec.

O 1 de xullo de 2005. Esa foi a data na que entrou en servizo o aparcadoiro soterrado do porto deportivo de Sanxenxo. A súa importancia ao longo destes anos queda reflectida nos 3.420.000 vehículos que estacionaron con ticket, é dicir, en rotación, o que supón unha media de 14.250 ao mes e de 460 coches ao día. Estas cifras supéranse amplamente nos meses de xullo e agosto cando chegan a aparcar máis de 1.100 vehículos diarios. O estacionamento, que xestiona a empresa municipal Nauta Sanxenxo, funciona as 24 horas do día e os 365 días ao ano, sen ter que pechar ningún día desde a súa apertura. Foi construído en apenas 75 días e inclúe unha gran praza en superficie, a Praza do Mar. Dispón dun total de 584 prazas repartidas na planta pública interior (206), a exterior (200) e o parking privado (178). As instalacións, situadas en pleno porto deportivo, proporcionan un importante servizo de estacionamento para visitantes e veciños que contan con dúas horas gratis en tempada baixa se teñen rexistrado o vehículo no municipio. En canto a facturación o parking xera uns ingresos anuais que roldan os 300.000 euros que repercuten en melloras para os veciños de Sanxenxo sen ter que recorrer ao orzamento do Concello. Entre as actuacións recentes atópanse, por exemplo, a nova rampla axardinada ou o novo acceso para vehículos autorizados.