Un dos detidos pola pelexa de Barcelos prende lume á súa cela no cárcere da Lama

Wait 5 sec.

Un dos mozos que foron detidos pola pelexa a coiteladas rexistrada en Barcelos protagonizou un incidente no cárcere da Lama, onde se atopa en prisión provisional. Así o denunciou este mércores o sindicato Acaip-UXT, que explica que este mozo, ao que consideran un "interno perigoso" incendiou a súa cela o pasado 28 de xuño. Queimou a súa roupa e o colchón provocando unha densa fumareda tóxica que fixo necesaria a rápida intervención dos funcionarios de servizo para desaloxar a galería que ocupaba este interno. O desaloxo produciuse para protexer ao propio recluso e ao resto dos internos que, nese momento, atopábanse no interior da galería. Segundo puido saber PontevedraViva, o material que tentou queimar provocou moita fumareda pero non chegou a prender, porque está preparado para non arder. O interno sufriu feridas leves e ningún funcionario resultou afectado. O mozo, subliñan as fontes consultadas, "en xeral estase portando ben", máis aló deste incidente que consideran "puntual". A este incidente, Acaip-UXT suma unha nova agresión aos funcionarios do penal pontevedrés. Ocorreu apenas uns días despois, este martes 1 de xullo, cando un interno en réxime pechado e con antecedentes de patoloxías psiquiátricas e varios partes disciplinarios por agresións a funcionarios, achegouse por detrás a un educador. Sen mediar palabra, aproveitando que o profesional estaba a tratar a outra persoa, propinoulle unha puñada no pómulo, causándolle un traumatismo na zona e unha lesión cervical. Unha vez trasladado ao departamento de illamento, cando mostraba unha aparente tranquilidade, lanzou outra puñada á cara dun dos funcionarios que o estaba rexistrando. A este respecto, os sindicatos alertan de que o incremento de internos con estas patoloxías e a escaseza de centros penais psiquiátricos que alberguen os casos máis graves provoca que moitos destes internos estean en módulos ordinarios. Acaip-UXT insiste en que é necesaria unha correcta atención médica a este tipo de reclusos e advirte de que a falta de médicos e psiquiatras incide nunha atención sanitaria "deficitaria", provocando nestas internos alteracións da orde que minguan a seguridade no centro.