O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, criticou ao goberno local do BNG polos "numerosos incumprimentos" dos acordos plenarios aprobados durante o actual mandato. Domínguez entende que esta forma de actuar é unha mostra de "a debilidade, o illamento e o sectarismo" do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Para o PP esta actitude por parte do rexedor nacionalista está "a prexudicar gravemente" aos intereses da cidade que "non pode quedar ancorada no pasado e debe avanzar cara ao futuro". Segundo explicou o portavoz do PP, "a debilidade de Lores", con só 9 concelleiros dos 25 da corporación municipal, "levouno a illarse no seu despacho e gobernar de costas aos intereses da maioría dos pontevedreses". Rafa Domínguez compareceu este luns en rolda de prensa para facer un repaso dunha vintena de propostas que o PP presentou durante este mandato ante o pleno municipal e que foron aprobadas pero que "o goberno nacionalista gardou nun caixón". Entre eses asuntos aprobados polo pleno municipal aos que o goberno local fai "caso omiso" o Partido Popular citou a reapertura ao tráfico da rúa Raíña Vitoria, retirar os lombos nas vías sanitarias, crear un plan de mantemento de instalacións deportivas e parques infantís ou pór en funcionamento unha vivenda de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero. A elas sumou actualizar a relación de postos de traballo do Concello de Pontevedra, humanizar os barrios da Parda e A Seca, modificar o plan de protección do centro histórico, crear o consello de accesibilidade, atallar os problemas de seguridade cidadá ou modificar a ordenanza de mobilidade. Igualmente, o líder da oposición lembrou unha serie de compromisos electorais que o Bloque Nacionalista Galego asumiu durante a campaña das municipais e que "non se materializaron". Rafa Domínguez insistiu en que todas estas mocións "contan co respaldo maioritario dos pontevedreses expresado nas urnas" reprochando ao alcalde que non as tome en consideración "porque non está centrado en gobernar para o que a maioría demanda, senón na súa supervivencia e na do seu partido no poder até o 2027". "O alcalde fíxoo razoablemente ben durante os primeiros anos, pero agora é o típico xogador que se arrastra polo campo", concluíu o portavoz do PP.