O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, e o concelleiro Martín Martínez, reclaman ao goberno local a posta en marcha dun plan integral de mellora na rúa Meixueiro, na parroquia de Mourente. Os populares denuncian o "abandono" por parte do BNG, que se traduce nunha serie de deficiencias que afectan a calidade de vida dos veciños. Durante unha visita á zona, os representantes do PP sinalaron que as demandas inclúen o arranxo urxente do firme da estrada, a renovación dos colectores de lixo, a roza das parcelas de titularidade municipal e a reparación do tendido eléctrico, elementos considerados "servizos mínimos exixibles". Neste sentido, Rafa Domínguez adiantou que todas estas reclamacións serán trasladadas polos portavoces populares na próxima Comisión Informativa de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos, ao responder "ás principais preocupacións veciñais dunha zona que leva moitos anos abandonada polo BNG de Lores". Un dos puntos máis sensibles da denuncia é a situación dunha parcela cedida por un veciño para uso público, onde estaba previsto que o Concello habilitase un parque. Con todo, segundo denuncian os populares, a realidade é moi diferente. "O BNG non realiza as súas funcións e permitiu que a maleza supere xa a altura dunha persoa", sinalou Martín Martínez, quen engadiu que "non é aceptable que o alcalde e os seus concelleiros ignoren os seus deberes e impidan aos veciños e veciñas actuar cos seus propios medios para mellorar as zonas verdes". O concelleiro popular insistiu en que "este patrón de abandono repítese por todos os barrios e as parroquias da cidade", e que o goberno municipal "pretende esconder esta realidade falando só do centro histórico, pero a periferia urbana está a sufrir as consecuencias da inacción de Lores nos últimos mandatos". "Non podemos permitir que haxa veciños de primeira e de segunda en Pontevedra porque todos pagan os mesmos impostos e, por iso, merecen os mesmos servizos", engadiu. Desde o Partido Popular destacan que a rúa Meixueiro, situada nas proximidades do CEIP Vilaverde-Mourente, é unha zona en crecemento e expansión, onde se están construíndo novas vivendas, polo que consideran "imprescindible que o Concello actúe con responsabilidade e dote á zona dos servizos básicos". Ademais, lamentan que a zona leva máis de dúas décadas sen renovación do asfaltado, con fochancas cada vez máis perigosos para a mobilidade, sumado á ausencia de rozas nas marxes e cunetas, colectores rotos e insuficientes, e o risco constante pola presenza de cables da electricidade que necesitan unha revisión urxente.