Dous roubos cometidos en Sanxenxo no ano 2022 quedaron resoltos da maneira máis inesperada, por mor das pegadas dactilares dunha persoa que foi detida agora en Vigo. Trátase dun mozo de 31 anos que, cando se cometeron eses roubos, un no interior dunha vivenda e outro nun vehículo aparcado na rúa, carecía de antecedentes. As pegadas recollidas nos escenarios daqueles roubos non revelaron a súa identidade porque non estaba rexistrado pero, tras o seu arresto en Vigo, a Garda Civil comprobou que as súas pegadas coincidían coas atopadas en Sanxenxo hai tres anos. No inmoble asaltado, en outubro de 2022, o agora identificado logrou acceder a el tras forzar unha xanela, apoderándose dun reloxo e de xoias de ouro valoradas pola súa propietaria nuns 2.800 euros en total. Un mes despois cometeuse un segundo roubo, esta vez nun coche aparcado en Baltar (Portonovo), onde o autor, despois de forzar o portelo traseiro, levou do seu interior os efectos persoais do propietario do vehículo. En ambos os casos, o equipo básico de inspeccións oculares (EBIO) da Garda Civil de Sanxenxo achou varias impresións dixitais en estado latente do presunto autor, que foron remitidas para a súa análise ao laboratorio de criminalística da Comandancia de Pontevedra. Non deron resultado ata que puideron ser cruzadas coas que se rexistraron cando esta persoa foi detida en Vigo e foi fichada polos responsables policiais. Todos os feitos investigados até o momento foron postos en coñecemento do xulgado de garda de Cambados, onde deberá comparecer o investigado.