Ostreares fai seguimento de pequenas crías para recuperar os bancos naturais da ostra autóctona de Arcade

Wait 5 sec.

O proxecto Ostreares, unha iniciativa que pretende recuperar a actividade de aproveitamento marisqueiro dos bancos naturais de ostra autóctona na enseada de San Simón, na Ría de Vigo, está a dar pasos con resultados prometedores. Esta iniciativa, liderada polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), conta coa participación da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra e da confraría de Arcade, e estenderase ata o ano 2027. O proxecto recolle unha serie de actuacións encamiñadas a incrementar o número de reprodutores de ostra plana, que son estabulados nas estruturas instaladas no proxecto PreOstreares, iniciado en 2023. Segundo explicou Eduardo Pérez, responsable da asistencia técnica da confraría de Arcade, os resultados da primeira fase foron "moi satisfactorios", o que motivou a continuidade desta iniciativa. Entre as accións figura o seguimento dos exemplares, o rexistro dos principais parámetros ambientais e un programa de vixilancia epidemiolóxica. Ademais, para evitar depender da captura nos bancos naturais, trátase de obter semente por captación natural e posta inducida. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, achegouse este venres 27 a coñecer o proxecto e puido comprobar de primeira man o gran tamaño das ostras que se están a cultivar, así como as pequenas crías que foron introducidas na ría para seguir o seu desenvolvemento. Ostras do proxecto OstrearesConcello de Soutomaior Lourenzo quixo "agradecer o traballo do CIMA, da confraría e de todos os axentes implicados neste proxecto, é un proxecto que é ADN Arcade que pon en valor a nosa sinal de identidade". "É algo absolutamente marabilloso ver como nos areeiros da nosa ría volven a crecer mostras que poidan ser o principio dun novo tempo onde a ostra volva a ser un produto referencial da nosa ría, un produto clave para Arcade, un produto que reúne unhas características inmellorables, pola mestura da auga doce e salgada, e que poida ser desfrutado por toda a veciñanza", engadiu o alcalde. Manu Lourenzo chegando á zona de cultivo das ostrasConcello de Soutomaior A fama da ostra de Arcade remóntase a existencia de bancos naturais na enseada de San Simón que, pola súa calidade, situaron este bivalvo no mapa internacional. En 1935 recolléronse 30 millóns de ostras dos bancos naturais da enseada, pero a incidencia de parasitos fixo que a poboación desta especie en Europa entrase en declive nos anos 60 do século XX. Consciente da relevancia desta especie para Arcade, así como dos importantes efectos ecosistémicos no medio, dende o 2020 a confraría de pescadores de Arcade colabora en diversos proxectos que pretenden restaurar os bancos naturais. A Consellería do Mar inviste máis de 190.000 euros na execución deste proxecto. Entre os resultados esperados figura obter datos sobre o comportamento dos reprodutores e da semente, así como recuperar a captura sostible desta especie.