Tradición e cultura mariñeira protagonizan as Festas do Carme de Bueu

Wait 5 sec.

O Concello de Bueu ultima os preparativos para a celebración das Festas do Carme 2025, que terán lugar do 12 ao 17 de xullo. A vila contará cunha extensa e variada programación deseñada para pór en valor a súa rica historia e cultura mariñeira, con actividades pensadas para todos os públicos. Na rolda de prensa de presentación, celebrada este venres, a concelleira de cultura, Carmen García, salientó que desde o Concello farán unha aposta "pola cultura, a verbena e por unhas festas intergeneracionales para todas as idades". O acto contou tamén coa presenza de Félix Juncal, alcalde de Bueu, Xosé Leal, edil de facenda, e representantes da Asociación Bueu en Festas e outros colectivos locais. Como antesala á festa, os días 9, 10 e 11 de xullo, o Estaleiro de Purro acollerá, de 11:00 a 13:00 horas, uns talleres artísticos mariñeiros a cargo de Tino Resille. Neles, os máis novos terán a oportunidade de coñecer e experimentar a arte vinculada ao mar. O 12 de xullo marcará o inicio oficial das festas cunha mañá de dobre actividade deportiva. Por unha banda, celebrarase a XIV Travesía a nado pola rexeneración da praia de Pescadoira, unha proba organizada polo Club de Atletismo Corredoiras e o propio Concello de Bueu co obxectivo de reivindicar a recuperación deste areal urbano. Na zona das Lagoas, disputarase o II Campionato de Petanca. Ese día, ás 20:00 horas, a Coral Polifónica de Bueu organiza o XVI Concerto 'O Son do Mar' no Centro Social do Mar, coa participación da Coral Polifónica Valdarrosa de Pontecaldelas, a Coral Polifónica da Confraría de Pescadores San Martiño dO Grove e a anfitrioa. Pola noite, a partir das 22:30 horas, o exterior do Centro Social do Mar vibrará coa actuación de Ortiga, que chega a través do programa +Música da Deputación de Pontevedra, seguido dunha sesión de DJ para pechar a noite. O 14 de xullo, a orquestra Furia Joven amenizará o mesmo espazo exterior e, ao día seguinte, será a quenda da orquestra Los Españoles. O 16 de xullo, día grande, os actos arrincarán a partir das 10:30 horas coa Banda de Música Cultural de Barro. Ás 12:00 horas, a Igrexa Parroquial de San Martiño acollerá a tradicional misa en honra á Virxe do Carme, cantada polo Coro de Cela-Lestonnac e engalanada coas alfombras florais realizadas polo Colectivo Independente de Alfombristas de Bueu. Tras a misa, a procesión percorrerá as rúas até a lonxa, acompañada pola Banda de Cornetas e Tambores de Cangas e Peis d'hos. Pola tarde, os oficios relixiosos trasladaranse á lonxa, coa música da Coral Polifónica de Bueu e un baile á Virxe coa agrupación Peis d'hos. Despois arrancará a procesión marítima, acompañada pola Banda de Música de Bueu. A contorna da lonxa tamén lucirá con tapices florais elaborados pola Asociación Cunchas e Flores de Bueu. A noite estará amenizada pola orquestra Triunfo (22:00 horas) e, a medianoite, un gran espectáculo pirotécnico encherá de luz o ceo. Por segundo ano consecutivo lanzarase desde o mar. O 17 de xullo, coincidindo coa festividade das Dores, a xornada abrirase cunha ruada a cargo da charanga Noroeste. Ás 12:00 horas, a Igrexa Parroquial de San Martiño acollerá a misa solemne en honra á Virxe das Dores, cantada pola Coral Marusía. A programación finalizará ás 21:00 horas cunha verbena a cargo de Mar Davila Music. Ademais, durante todas as festas, do 11 ao 17 de xullo, a zona das Lagoas acollerá diversas atraccións para o goce dos máis pequenos.