Brais Porto, o mozo que marca tendencia entre máis de 800.000 preadolescentes e vostede non o sabe

Wait 5 sec.

Brais Porto chegou co seu amigo e compañeiro de estudos Pablo Ajuria a PontevedraViva no mes de abril, os dous procedentes do Instituto Audiovisual de Vigo, para realizar prácticas de fotografía. Amosábase como un mozo interesado pola imaxe e polo seu uso nas redes sociais. Nunha das súas primeiras saídas, acompañado pola fotógrafa Mónica Patxot e pola redactora María José Pita para realizar as prácticas, coincidía cun grupo de escolares. Sorprendentemente, varios dos nenos achegáronse a Brais para pedirlle un selfie. A pregunta foi inmediata: Por que? Quen era realmente ese mozo delgado e simpático para ser recoñecido pola rúa por ducias de rapaces? Brais Porto é un dos creadores de contido para a mocidade máis famosos que hai actualmente en Galicia. Só en TikTok supera os 790.000 seguidores, case o triplo de habitantes censados en Vigo, a súa cidade de residencia. Os seus vídeos recollendo balóns nos arredores dos campos de fútbol acompañado do peluche Milú ou o seu vídeo sobre o "camareiro cuñado" de Vigo convertéronse nos seus grandes éxitos con miles de visitas acumuladas, despois da súa viral aparición na casa de Plex, o seu ídolo en redes sociais, levando unha galiña. O seu público principal son escolares con idades comprendidas entre os 10 e os 15 anos, preadolescentes que gozan do contido cómico dos vídeos que, na súa maioría, contan con elementos deportivos. Toda unha xeración ten a Brais como referente nas redes, aínda que os maiores de 35 anos o vexan como un mozo máis que camiña pola rúa coa súa sudadeira e con aire de despiste. Proba diso foi a profesora que se achegou nun acto escolar na Peregrina a Brais Porto para dicirlle: "non sei quen es, pero os meus alumnos están como tolos ao verte aquí. Por favor, podes facer unhas fotos con eles, que mo están pedindo?". 20250625 Patxot brais porto 0365Mónica Patxot Ese é Brais, un mozo que pode pasar unha mañá enteira debatendo co seu amigo Pablo sobre se é eticamente correcto sentarse nun banco da Alameda onde xa está sentada unha terceira persoa. A través desta entrevista coñecemos máis sobre a súa vida e sobre o seu futuro. Entrevistador: Como comezaches a facer vídeos? Con que idade? Brais Porto: Realmente foi hai nove anos. Non lembro exactamente a idade, pero en 2017 foi cando comecei máis en serio. Todo comezou porque vía moitos vídeos en YouTube de diferentes creadores de contido e blogs, sobre todo de Plex, que é un dos grandes. Quería ser coma eles, así que púxenme a facer vídeos do que se me ocorría. Comecei con Fortnite, pero non me gustaba moito, así que pasei a facer blogs que non os vía ninguén, nin sequera a miña avoa. Cando saíu TikTok comecei a gravar contido para esta plataforma. Ao principio tamén só me vía a miña avoa, pero aos dous meses aproximadamente comezou a subir a cousa. E: A idea dos contidos en que se centraban, porque agora mesmo son cómicos e relacionados a maioría con temas de deportes. Ao principio tamén eran así? B: Si, ao principio estaban máis enfocados ao cómico porque foi a época na que naceron os "POV", que consiste en gravar imitando algunha situación, como facer teatro pero en vídeos de comedia. Intentei facer iso pero non me saíu moi ben, así que como me gustaba o fútbol decidín comezar a facer contido deste deporte e aí comezou a funcionar. Á xente gustoulle e comezou a medrar a miña audiencia. Cando vin que xa tiña seguidores, comecei a mesturar humor con fútbol. E: Fáime graza iso que comentabas sobre a actuación, porque no fondo gústache interpretar, non? É algo que se che dá ben. B: Si, gústame ese rollo. Gozo moito facendo os vídeos, por iso creo que é importante gozar facendo o que che gusta. Gústame que logo sexa un vídeo que poida ver e sentirme orgulloso, que estea ben feito, que estea traballado. E: Explicanos ese proceso, como é a túa elaboración? Cando tes unha idea, que fas? Guionízalo? Como é o proceso? B: Antes tiña un día para apuntar na pizarra os vídeos ou nunha libreta, e ata me facía guións. Teño moitos compañeiros que fan iso: escriben guións, poñen o que van dicir, logo leno e dino. Por exemplo, cando quedo con outros creadores de contido, se quedamos dous días nunha casa, o primeiro día pola mañá planeamos as cousas, poñémolas nunha pizarra: "hoxe ti vas gravar estes vídeos, ti estes e ti estes". Pero agora xa non me gusta tanto esa forma de traballar. Agora prefiro ter pensados os vídeos que vou facer, pero quero que sexa algo que me saia no momento. Din que tardo moito en facer os vídeos, pero é porque quero que saian ben. E: Cantos gravas á semana? B: Depende, ás veces nun día sácome xa 15 vídeos para dúas semanas. Dedicando un día enteiro a gravar, mañá e tarde, sacamos moitos vídeos. Cando facemos quedadas dunha fin de semana (venres, sábado e domingo), xa sacamos contido para un mes. Brais PortoMónica Patxot E: Tes a serie de "Buscando balóns" co teu peluche Milú, que está sendo un éxito. Como xurdiu? B: Realmente había un rapaz que fixo un vídeo rescatando un balón e ocorréuseme ir ao campo e ver se a rede estaba rota e podía atopar algún balón. En realidade, a idea xurdiu porque ía pola miña aldea cun amigo e neses típicos campos onde hai trigo, vimos un balón ao lonxe. Gravei un vídeo como se fose para un amigo dicindo "eu buscando balóns parte 1, mira atopei un balón". Vin que á xente lle comezaba a gustar e pensei que ir a campos de fútbol non era mala idea, buscar por detrás nun bosque e tal. Fun ao campo de fútbol do meu pobo e aí comezou a despegar. Agora sigo buscando balóns noutros sitios, aínda que non me dan tantas visitas como no meu pobo, porque a xente xa ten como un mapa predefinido dos sitios. @_.port0._ Quereis parte 28? 🥰⚽️🌳Visteis algun balon mas? 🤔serie og: 👉@SuhaGamer04✨ 👈 #buscandobalones #humor #comedia #viral ♬ sonido original - ❤️🙏 PORT0 🙏❤️ E: Despois temos outro éxito, que foi o do "camareiro cuñado". B: É un camareiro dun local ao que sempre iamos un amigo e mais eu. Lévase moi ben connosco, de feito está moi agradecido. Iamos sempre e como nos facía graza porque nos contaba chistes, dixemos "bo, un día imos preguntarlle se lle importa que o gravemos". Fomos, preguntámoslle, díxome "si, si, que eu quero ser cómico" e gravámolo. Iso saíu en todos lados. El está encantado. Ao principio si que tivo un pouco de presión porque estivo un pouco agobiado. Non lle foron dicir nada malo, só cousas boas, pero si que leu algúns comentarios que non lle gustaron. Eu ofrecinlle borrar o vídeo, pero el quería seguir. @_.port0._ El camarero más cuñado del mundo 🌏😂😅 10k de likes y volvemos a ir a cenar 👈❤️ . . . . #humor #comedia #camarero #camarerocuñado #cuñado #chistes #chistescuñado #parati #fyp #Viral @Santoroz ♬ sonido original - ❤️🙏 PORT0 🙏❤️ E: O tema da fama, como o levas? Porque nós coñecémoste como influencer no momento en que vimos que a xente te paraba pola rúa, rapaces de colexios pedíndoche selfies. B: Lévoo ben. A ver, eu non me considero famoso, considérome un "pringao", pero bo. Gústame, depende un pouco. En xeral gústame, porque hai veces que te decatas de que están falando de ti e é como que ata que veñen pedirche a foto, non o pasas moi ben. Refírome, si o pasas ben, pero é como que sabes que están falando de ti e ti tes que estar pendente doutra cousa, intentando ignoralo. Sobre todo cando tes a dúbida de se será por ti ou non, ata que veñen preguntar. Logo xa te relaxas máis, pero é como saber que realmente están aí falando de ti. Pero bo, é o que teñen as redes e non me molesta. E: E en canto á invasión da túa vida privada, ti tamén fixeches un vídeo indo á casa de Plex levándolle unha galiña, non? B: Si, á casa do meu ídolo. Arrepíntome moito diso. A ver, non me arrepinto porque senón, non o coñecería nin coñecería a súa familia, que agora lévome súper ben con eles e coa súa irmá. Non vou dicir que somos súper amigos, pero si que veñen de vez en cando á miña casa ou eu á súa. Foi súper guai. Pero se alguén me le, pídovos que non fagades iso. Que ninguén apareza na súa casa cunha galiña. Sempre facía vídeos coas súas galiñas e leveille unha, pero non estou moi orgulloso do proceso. Leveina nunha caixa e non me pareceu ben a situación na que estaba. E: E Plex segue sendo o teu referente, por que? B: Sempre vou telo de referente porque me parece un rapaz que representa a humildade e sobre todo a constancia. El fai os seus vídeos, vai ao seu rollo e traballa un montón. Creo que iso é o importante. Traballa moito e non se mete en nada. Para min é o mellor de todos. Sempre o foi desde pequeno e sempre o vai ser. Creo que é pola súa humildade, pola súa forma de ser coa xente. É igual en cámara que en persoa. E: Falemos do número de seguidores. Ti xa estás preto dos 800.000, non? B: Si, quédanme uns 7.000 ou 8.000. A ver se hai sorte e o consigo esta semana. Asústame un pouco pensar no volume que están tendo os meus vídeos. O outro día fun a Ourense, pensei que non me ía coñecer ninguén, e coñecíame un montón de xente. Asústame un pouco iso, que todo o mundo me coñeza. E: En canto a cuestións monetarias, vives das redes sociais? Como funciona o tema da xestión da publicidade? B: Hai moita xente que di "bo, pero invistes tanto tempo nisto, compénsache?". Agora mesmo estou buscando poder vivir diso, porque é o meu soño desde moi pequeno. Actualmente non me dá para vivir porque o estaba compaxinando cos estudos, pero creo que se lle dou cana só a isto si que me daría para vivir. Cos meus números creo que si, pero sempre está ben ter un plan B, porque non sabes cando vai acabarse isto. E: Como é a relación coas marcas que che contratan campañas? Póñense en contacto contigo ou ti buscas marcas e ofréceslles colaboracións? B: Depende. Antes estaba nunha axencia que se supón que che busca marcas ou che crea un correo onde chegan as propostas para colaborar. Pero na axencia na que estaba, creo que subdelegaban as miñas colaboracións a xente máis grande que había na axencia, así que quedaba sen nada. Decidín comezar con Javi Domínguez como representante, e agora el ten un correo onde chegan as propostas, manda as tarifas e negocia coas marcas. Brais Porto e Javi Domínguez, en PontevedraVivaMónica Patxot E: Normalmente a campaña de Nadal é a máis potente do ano, non? B: Si, en Nadal é cando máis se gaña. Creo que todos os creadores de contido se frotan as mans, sobre todo os que fan contido para nenos, nesas datas. En Nadal é moi bo, e no verán tamén. Especialmente cando os nenos compran e os pais están aí para comprarlles cousas. E: Por tanto, o teu público é principalmente infantil e adolescente, pensaches en buscar outro tipo de público máis adulto? B: Pensei, pero non me está gustando moito ese contido. Para facer contido para adultos, tes que comezar a rirte de cousas que non me gusta rirme delas. Prefiro chegar a xente máis pequena cun peluche e buscando balóns. Brais Porto Mónica Patxot E: Volvendo ao tema das marcas, pagan en relación ao número de visitas que pode ter un vídeo ou é unha tarifa establecida previamente? B: Nós temos tarifas. Javi e mais eu establecemos tarifas, por exemplo, unha historia ten un prezo, unha historia dun reel outro prezo, unha historia de "buscando balóns", outro prezo. Mandámosllo ás marcas ou eles propoñen algo e xa se ve. O tema é que despois aparece Facenda. Non é tan fácil como parece. Hai que facerse autónomo e ir pola túa conta. Hai moito diñeiro que antes entraba por PayPal, pero ao final sempre hai que declaralo. E: Que lle dirías á xente que te ve e di "eu quero facer cousas coma ti"? Que teñen que facer? Teñen que ser constantes, orixinais? B: Para min terían que ser xa dunha idade un pouco adulta, porque teñen que ser conscientes de que o que se sobe deixa pegada sempre en internet. Despois, debes ter claro que tes que facer contido e que isto ao final tamén é sorte. Non é que vaias triunfar dun día para outro. Eu tiven sorte, porque senón, podería seguir aquí sen avanzar. Seguramente seguiría porque son moi cabezón e é o que quero, pero se non tivese un pouco de sorte non tería chegado. Pero tamén, se non o intentas, aí si que non o vas conseguir. Eu recomendo intentalo e non dedicarlle todo o tempo da túa vida, dedícalle un pouco todos os días e quizais un día chegas. Pero intentalo, non deixar de intentalo porque non chegas a nada. Tes que seguir porque se tes sorte, irás cara arriba. E: Estiveches estes meses facendo prácticas en PontevedraViva. Vaiche servir esta experiencia de cara a optimizar os teus vídeos? B: As prácticas moi ben, estou moi contento. Tiven moita sorte e sobre todo tocárame unha persoa á que lle teño moito cariño, que é Mónica Patxot. Ensínounos moito e estou moi agradecido. Síntome afortunado nesa faceta tamén, porque nos podía ter tocado calquera outra situación. Aprendín moitas cousas, sobre todo trucos para a exposición e para arranxar as fotos con luz, que si o usarei nos vídeos. E: YouTube, Instagram e TikTok, algunha rede nova na que esteas traballando? B: Non, gústanme esas tres. Tentei Twitch pero non me gusta. É verdade que en TikTok dicía "ir a Twitch e verme" e podía ter moita xente, pero Twitch paréceme un traballo máis escravo. Tes que estar aí porque tes que estar aí, cumprir as túas horas. O das horas dáme igual porque ao final é como calquera traballo, pero obrígache, non podes facer o que ti queiras, non podes subir o que ti queiras. Non me gustou moito. E: No futuro véste traballando nun sitio como funcionario, por exemplo, onde tiveras que estar oito horas sentado diante dun ordenador? B: Si, si. A ver, o das redes sociais gústame, pero se non se consegue, pois nada. Podería ser fotógrafo ou filmmaker, e se non se consegue, pois o que haxa. Ao final ningún traballo é menos que outro. O tiktoker Brais Porto. Mónica Patxot