A céntrica Cafetería Castelao (Rúa Castelao, 5), un dos locais máis coñecidos de Pontevedra, podería pechar as súas portas tras finalizar o verán, se non aparece un novo xestor que asuma o seu traspaso. Así o confirma Tito Cabral, o seu actual propietario, quen fará 65 anos en setembro, mes no que ten previsto xubilarse e finalizar unha vida laboral en hostalería de máis de catro décadas. En conversa con PontevedraViva, o hostaleiro aclara que está á venda a empresa SL a través da que opera a cafetería, xunto con todo o mobiliario e maquinaria do local. "A persoa que colla o traspaso vai ter un negocio en pleno funcionamento, con clientela asegurada, da que o 70% son as persoas que van a consultas ou visitas ao Hospital Domínguez, que está enfronte", engade Cabral. O local é alugado e aínda quedan dous anos de contrato en vigor. Se algunha persoa asume o traspaso, "esgotaría eses dous anos de alugueiro e despois xa a persoa que quede negociaría co propietario". Do contrario, en setembro finalizarían tres décadas de historia de Cafetería Castelao. Tito Cabral, propietario de Cafetería Castelao, en conversa con PontevedraVivaMónica Patxot Tito Cabral, natural de Baiona e criado dos 9 aos 16 anos en Xenebra (Suíza), onde emigraron seus pais, empezou na hostalería traballando os veráns en discotecas e pubs até convertelo no seu modo de gañar a vida. Cando casa, traslada a súa residencia de Vigo a Pontevedra, onde a súa muller é funcionaria, e decide que o traballo de noite non é compatible con formar unha familia. "Arranquei en xuño de 1995 con Cafetería Castelao con axuda de meu pai, porque os créditos eran inasumibles, buscando un local céntrico e sen competencia nesta zona", apunta o hostaleiro. A rúa abriu apenas cinco anos antes e prometía ser a nova "milla de ouro", por iso é polo que tivo que facer un forte desembolso para asumir ao alugueiro. A pesar dos receos iniciais da veciñanza, que non vía con bos ollos un establecemento aberto, nos seus primeiros tempos, até as dúas da madrugada, a cafetería pronto se asentou como un lugar no que convivían armónicamente os traballadores do café de primeira mañá cos que buscaban un descanso despois dunha intensa xornada. Ao longo destes anos, a cafetería foi testemuña de moitas historias. "Aquí vin crecer a moitas familias, dende os pais que empezaron sendo noivos ata que trouxeron os seus fillos e netos", comenta con nostalxia. Tito Cabral, propietario de Cafetería CastelaoMónica Patxot O local, coñecido polos seus famosos churros, evolucionou coas modas e as épocas, ademais de sortear todas as crises do sector. Tito, quen tamén foi afeccionado ao fútbol e pioneiro en televisar partidos do Real Madrid, lembra con humor como a chegada do fútbol por televisión revolucionou o seu negocio: "Era un espectáculo ver a toda a xente da rúa pegada á televisión; por iso acabamos instalando dúas, que non era algo común entón nunha cafetería". Afirma que cando chegou a Pontevedra empezou a visitar diferentes locais para sondar á competencia antes de abrir o seu negocio. O que máis lle sorprendeu foi o sabor demasiado forte do café. "Descubrín que as cafeterías facían o café 60/40, é dicir, un 60% natural e un 40% torrefacto". Así que decidiu que ía servir un 80% natural, e só o 20% torrefacto, logrando unha ampla aceptación por parte da clientela. "En menos dun ano, xa me pasei ao 100% natural", non tanto pola mellora do sabor, que era sutil, senón por ofrecer a maior calidade de produto. Tito Cabral, propietario de Cafetería CastelaoMónica Patxot Tres décadas despois, o café natural sérvese na case totalidade das cafeterías da cidade, pero entón era unha grande aposta. Lembras canto custaba o primeiro café que serviches e o último?, preguntamos con curiosidade. "Pois non sei se foi xusto o primeiro, pero se mal non recordo, serviamos o café a 80 pesetas (ao cambio actual: 0,48 euros), e hoxe servímolo a 1,60 euros". Os faladoiros de diferentes cores e ideas eran outra marca da casa de Cafetería Castelao. "Gústame moito a charla, estar cos clientes. Iso non ten prezo", explica. Con todo, recoñece que o sector cambiou e que a dificultade para atopar persoal levoulle a tomar a decisión de finalizar a súa vida laboral. A continua subida dos prezos, especialmente dende a pandemia da Covid, é outro dos argumentos para que Tino se fose desencantando do negocio: "Eu fago churros aquí, que non son conxelados, e por exemplo, antes de pandemia, o saco de fariña custaba 12 euros, e agora cústame 30". Tras máis de catro décadas, Tito sente que a súa etapa na hostalería chega ao seu fin. "Dáme pena, pero chega un momento que necesitas descansar e dedicarte a outras cousas", afirma. Nunca puido gozar de, polo menos, quince días seguidos de vacacións, polo que dedicar os seus días a viaxar na súa autocaravana a un destino próximo, sen horarios, está nos seus plans