A operación antidroga Ninja 2, centrada en Vilanova, con tres detidos... e subindo

Wait 5 sec.

A operación antidroga Ninja 2, desenvolvida pola Unidade de Droga e Crime Organizado (UDYCO) da Policía Nacional de Pontevedra, deixou xa tres detencións e prevese que o número suba. Así o confirmou este xoves o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que indicou que esta operación está centrada nunha organización dedicada a este tráfico de drogas a nivel local en Vilanova de Arousa. Losada chamou a atención sobre a coincidencia desta operación, desenvolvida desde o mércores, coa conmemoración este xoves do Día Internacional da Loita contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas. Segundo a información facilitada, realizáronse até o momento dous rexistros en dúas vivendas de Vilanova e hai tres detidos, aínda que "a idea é que o número de detidos vaia incrementarse a medida que avance a investigación". Nos dous rexistros recolléronse "certas cantidades" de marihuana, cocaína e haxix, así como diñeiro en efectivo, instrumental para tratar a droga e vehículos. Aínda que a cantidade de droga incautada "non é moi importante por agora", Losada destaca que a importancia desta operación radica en que se logrou atacar unha rede criminal que "estaba no foco da Policía Nacional" porque ten ramificacións nunha parte importante do Salnés e afecto á actividade de tráfico de drogas a nivel de menudeo, que "é o que crea esta sensación de inseguridade cidadá". Desarticulouse un punto da operación de tráfico de drogas centrado na distribución de droga para intermediarios, droga que ía dirixido aos subministradores de menudeo no territorio. A causa está sometida a segredo de sumario. O subdelegado destaca que nas Rías Baixas está a vivirse un "ano intenso de operacións e de resultados" e felicita a Policía Nacional e a Garda Civil polo traballo realizado porque "indubidablemente hai moitos saltos desde os grandes narcotraficantes até o consumidor final". Así, indica que "é un proceso complexo en termos de compra e venda e por tanto non sempre é fácil actuar". Ademais, insiste en que as forzas e corpos de seguridade teñen como "obxectivo central" a loita contra o narcotráfico e traslada o seu desexo de que a cidadanía "sexa consciente deste esforzo", que "non ten un éxito do 100% sen dúbida", pero si cumpre co obxectivo de "acumular probas para que estas persoas sexan postas a disposición xudicial".