A conexión entre as parroquias de Chancelas e Combarro en Poio pola vía de Camiño Real contará proximamente cun carril bici e unha senda peonil que permitirá desprazamentos máis seguros e sostibles nunha das zonas de maior afluencia turística das Rías Baixas. A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera e polo alcalde Ángel Moldes visitou este xoves o municipio para coñecer de primeira man o avance das obras que se realizan nunha vía que, durante os meses de verán, conta con notable tránsito de vehículos que utilizan este camiño como atallo se hai retencións na estrada do litoral, a PO-308. A actuación, que conta cun investimento de 255.000 euros por parte da Xunta de Galicia, forma parte da liña de colaboración para proxectos de carácter estratéxico en infraestruturas municipais do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL). O proxecto en Poio inclúe a rehabilitación e mellora do firme existente mediante o reasfaltado, a habilitación de cunetas para a evacuación de augas pluviais e a creación dunha senda peonil e un carril bici. Segundo explicou Natalia Prieto, o obxectivo principal é "adaptar as infraestruturas viarias para reducir o tráfico de vehículos en favor do tránsito peonil e outras formas de mobilidade máis sostible como a bicicleta" nun núcleo de grande importancia patrimonial e turística como é Combarro. A directora xeral destacou o carácter estratéxico e supramunicipal deste proxecto, xa que "o desenvolvemento das infraestruturas viarias na zona contribúe a desconxestionar o tráfico na estrada PO-308", principal vial vertebrador dalgúns dos concellos máis turísticos das Rías Baixas. A vía que une Combarro con Chancelas polo monte contará con senda peonil e carril biciXunta de Galicia Prieto sinalou que nos últimos anos o Goberno galego investiu máis de 634.300 euros en Poio a través das diferentes medidas de apoio ao eido local. En 2024, o municipio recibiu tamén axudas para a contratación de auxiliares de Policía Local e persoal de socorrismo, dada a súa condición de concello con elevada afluencia de poboación durante o verán. A maioría dos proxectos beneficiarios da liña de colaboración para infraestruturas estratéxicas na convocatoria de 2024 concéntranse na provincia de Pontevedra, segundo sinala a Xunta de Galicia. Camiño Real entre Chancelas e CombarroXunta de Galicia