Silvia Intxaurrondo estará nunha Festa dos Libros de Pontevedra que homenaxeará a Yolanda Castaño pola súa traxectoria

Wait 5 sec.

Trece librarías da cidade e preto dun cento de autores participarán na oitava edición da Festa dos Libros de Pontevedra, que se celebrará na Praza da Ferrería entre os días 4 e 6 de xullo. Presentacións, faladoiros, contacontos, sinaturas de exemplares, recitais, talleres ou actuacións musicais compoñen o programa de actividades, pensadas para todos os públicos. A xornalista Silvia Intxaurrondo ou "case todos os que son alguén" nas letras galegas actuais, segundo o edil de Cultura, como Arantza Portabales, Pedro Feijoo, Cristina Pato, Ulises Bértolo, Francisco Castro, Eva Mejuto ou Manuel Lourenzo, pasarán eses días por Pontevedra. Yolanda Castaño será, ademais, a autora homenaxeada este ano pola súa traxectoria "e por todo o que conseguiu para a literatura do noso país", como destacou Demetrio Gómez. A Festa dos Libros está organizada polo Concello de Pontevedra e as librarías Aviones de Papel, Clip, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Libraría Paz, Librería Escolma, Librería Metáfora, Librería Seijas, Librería Cronopios e Mononoke Manga. A carpa da Praza da Ferrería permanecerá aberta ao público en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:30 horas, agás o domingo que pechará media hora antes. "É a festa na que hai que estar", subliñou o responsable da área municipal de cultura, que destacou o "esforzo" que fan as librarías da cidade por "achegar os libros á xente" e a programación de actividades "tan intensa" que se deseñou para esta edición. As actividades da Festa dos Libros comezarán o venres 4 de xullo, ás 12:30 horas, cunha mesa de dinamización lectora coa bookstagramer galega Mónica Cores; Luz Pérez, integrante do podcast Entreliñas; Samuel L. París, creador do videopodcast literario A Catapulta, e Pilar Fernández Ruíz, directora da biblioteca pública de Pontevedra. Xa pola tarde, ás 18:15 horas, o grupo Chévere, xunto coa editorial Kalandraka, presentará As fillas bravas de Momán, un libro que recolle os cantos e os saberes de tres mulleres afoutas e irredutibles que viven a súa utopía feminista na aldea de Momán. E as 20:15 horas será a quenda de Solas en el silencio, o debut literario da xornalista e presentadora Silvia Intxaurrondo, cunha novela sobre o amor incondicional e a loita por sobrevivir a un destino xa escrito. Como broche final desta primeira xornada, ás nove e media da noite, terá lugar a actuación musical Serán das Letras, a cargo da asociación Duos Pontes. SÁBADO DE EMOCIÓNS E MISTERIO O sábado haberá unha nova edición de Enfiando lecturas, promovida pola Libraría Paz, con Samuel Merino, co poemario Manual de camuflaxe; Xosé de Cea, co ensaio O que estou a dicir cando digo 'Altri non'; Laura Romero, autora da obra de divulgación A culpa foi de Zënzar. 35 anos de rock en galego; e María Besteiros, coa novela Ítaca. Pola tarde, ás 18:15 horas, celebrarase un faladoiro arredor da literatura da emoción e da experiencia persoal, coa participación de Cristina Pato (Fóra de foco), Francisco Castro (Eva tomando o sol) e Cynthia Menéndez (Son coma glaciares os barcos de aceiro). Ás 19.15 h será a quenda de NOIR, unha mesa arredor da novela negra e o misterio, tomará o relevo ás 19:15 horas con Arantza Portabales (Asasinato na casa rosa), Ulises Bértolo (Exitus) e Pedro Feijoo (Onde nacen as bestas). E como peche da xornada do sábado, ás 21:30 horas, haberá un recital poético da man da Editorial Discursiva no que participarán V. F. (Réquiem), Juan Seoane (Celia) e Esperanza Arrondo (Mar diminuto). UN DOMINGO DE HOMENAXES E CANTAREIRAS O domingo abrirá coa actuación de Polo correo do vento: Cantareiras. A poesía popular nas Letras Galegas 2025, un contacontos ilustrado con música, baseado no libro homónimo e dirixido a achegar a figura das homenaxeadas polo Día das Letras Galegas 2025. Ás 12:30 horas será o vermú literario de Pinto e Maragota e, pola tarde, ás 18:15 horas, un faladoiro arredor das cantareiras e as Letras Galegas con Eva Mejuto (Sei cantar e sei bailar), Andrea Nunes (Somos pandeireteiras), Carlos Callón (Maxicamente vella, eternamente nova. A literatura tradicional galega), Manuel Rico e Antón Santamarina (Eu non canto por cantar. Cancioneiro popular de Galicia), coa participación da cantareira Maite Casás. A seguir, celebrarase unha das seccións fixas da festa: a homenaxe á traxectoria destacada, que nesta edición recoñecerá a poeta Yolanda Castaño, premio estatal de poesía en 2023. Unha mesa centrada na literatura infantil e xuvenil con Antonio Manuel Fraga (Como escorrentar un lobo), Ramón D. Veiga (Maios e desmaios), Manuel Lourenzo González (De cando os animais tamén eran xente) e Diego Bará Louro (María Miramontes e Ánxel Casal) porá o peche a esta programación ás 20:15 horas. Ao longo dos tres días haberá ademais numerosas actividades participativas organizadas polas librarías, sesións de lectura e sinaturas de libros nas casetas dos establecementos participantes, así como numerosas propostas destinadas ao público infantil.