Sanidade defende o traslado da ambulancia do Hospital do Salnés a Sanxenxo no verán

Wait 5 sec.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o xerente da área de Pontevedra-O Salnés, José Flores, defenderon o traslado da base da ambulancia medicalizada do hospital de Vilagarcía de Arousa a Sanxenxo. Segundo explicou Gómez Caamaño, cada verán, "de maneira equitativa e correcta" Urxencias Sanitarias de Galicia-061 realiza unha planificación "en xeral para toda Galicia". O conselleiro asegurou que "comprende e entende" esta reivindicación pero lembra que "os recursos son limitados" e que a medida se adopta para tentar "cubrir da maneira mellor posible toda a asistencia urxente e emerxente de Galicia". Pola súa banda, o xerente insistiu en que o 061 é un servizo "autonómico", polo que "non entende de concellos" nin "de localismos", senón que se encarga de planificar uns recursos para destinalos, neste caso, tendo en conta o aumento da poboación na zona. "Non é que perda Vilagarcía a ambulancia medicalizada, senón que é unha ambulancia medicalizada que está no distrito do Salnés e que de forma, entendo que intelixente, responsable e xestora, mobilízase coa poboación. Si a poboación se mobiliza ás zonas de costa pois é onde ten que estar", argumentou Flores. "Xa veremos si, no futuro, dentro dos plans do 061, entra a posibilidade de que haxa unha ambulancia a maiores", engadiu o conselleiro. Isto permitiría que non houbese que desprazar a do Hospital do Salnés a Sanxenxo durante os meses de xullo e agosto. DISTINCIÓN PARA URXENCIAS O conselleiro de Sanidade visitou este martes o Hospital do Salnés tras a súa acreditación de calidade por parte da Sociedade Española de Urxencias e Emerxencias (Semes). O Hospital Público do Salnés convértese no primeiro centro comarcal español en conseguir a acreditación de calidade do seu servizo de Urxencias. Os tempos de espera na atención das urxencias, a organización funcional ou a formación dos profesionais son algúns dos criterios que motivaron a acreditación. O tempo medio de espera para triaxe é de 8 minutos e de 33 minutos para a atención posterior As urxencias do hospital vilagarcián son unha das 20 unidades comarcais máis activas a nivel científico en todo o territorio nacional Toma de posesión de novos facultativos TOMA DE POSESIÓN DE 11 ESPECIALISTAS HOSPITALARIOS Por outra banda, o Hospital Provincial de Pontevedra acolleu este martes o acto de toma de posesión dun total de 11 facultativos de diversas especialidades hospitalarias na área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, dos que 2 toman posesión para prestar servizo sanitario no Hospital Público do Salnés e 9 nos centros do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Trátase do segundo proceso de adxudicación de destino definitivo en diversas especialidades da categoría de facultativo especialista de área, médico coordinador do 061 e médico de urxencias hospitalarias, tras resultar vacantes prazas despois das resolucións dos nomeamentos do 4 e 15 de abril.