Estrea de redes turísticas e apertura da oficina de información para este verán en Marín

Wait 5 sec.

Reforzo da estratexia turística do Concello de Marín cunha dobre iniciativa para atraer máis veraneantes. Desde este 1 de xullo, os visitantes poden acudir á Caseta de Turismo da Praza de España, que permanecerá aberta ata o 31 de setembro, e tamén descubrir os atractivos da vila a través das novas contas de Facebook e Instagram "Marín Turismo". A concelleira de Turismo, Cristina Acuña, visitou esta mañá a oficina de información turística para dar a benvida ao persoal que atenderá aos visitantes durante toda a tempada estival. A caseta abrirá todos os días en horario ininterrompido de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 20:30 horas pola tarde, ofrecendo aos turistas todo o material promocional sobre os recursos e atractivos de Marín. A contratación do persoal que atenderá a oficina foi posible grazas a unha subvención de Turismo Rías Baixas, da Deputación de Pontevedra, organismo que tamén está a desenvolver un proxecto para renovar a sinaléctica do exterior da caseta. Paralelamente á apertura da oficina física, o Concello de Marín lanzou a súa estratexia dixital coa creación de perfís específicos para a promoción turística tanto en Facebook (Turismo de Marín) como en Instagram (@marinturismo). Segundo explicou a concelleira, o obxectivo destas novas canles é "visibilizar Marín como un destino sostible, para pequenas escapadas ou para estancias longas, poñendo en valor as nosas paisaxes, o noso patrimonio cultural, a contorna natural e a calidade de vida". Esta aposta polas redes sociais forma parte dun proxecto máis amplo que inclúe a creación dunha Oficina de Turismo Virtual que se ubicará no hall do Auditorio municipal. A iniciativa, que está sendo executada pola empresa especializada Mr. Turismo, contará con pantallas táctiles, unha gran pantalla de parede, tótems de información turística e gafas 3D para ofrecer unha experiencia inmersiva aos visitantes. Segundo Acuña, o contrato coa empresa inclúe tamén a xestión das redes sociais durante o período do acordo, "para poder mellorar a nosa comunicación turística dixital, achegándonos a un público afín ao turismo de natureza, de sol, praia, cultura e actividades verdes ao aire libre", explicou a concelleira.