'Un pobo con historia de seu' para achegar ás familias a Galicia que vai desde a Prehistoria ata o século XIX

Wait 5 sec.

Enclaves das parroquias pontevedresas de Cerponzóns, Lérez, Marcón, Salcedo e Tomeza serán os escenarios dunha nova actividade enmarcada dentro do programa Apego. Alí desenvolverase a actividade "Un pobo con historia de seu". Trátase dunha iniciativa que busca que as familias con crianzas a partir de tres anos entren en contacto coa antropoloxía galega dunha maneira interxeracional e lúdica, ao tempo que se fomenta o uso da lingua galega entre as crianzas. A historia de Galicia desde a prehistoria ata o século XIX será o fío condutor dunha serie de actividades lúdico-formativas que, entre os meses de marzo e xuño, desenvolverán polo rural pontevedrés os colectivos Polo Correo do Vento e Ab Origine. Así, entre outras cuestións, as familias participantes xuntaranse para falar das cavernas, da chegada da agricultura, do tempo dos megálitos, dos petróglifos ou da cultura castrexa. As actividades terán lugar en lugares de doado acceso para as familias. Serán eventos de hora e media de duración, segundo explican os seus organizadores. Constarán dunha explicación didáctica sobre unha etapa histórica, un obradoiro creativo no que se confeccionará un obxecto relacionado coa etapa que se traballe, un contacontos e un obradoiro de debuxo guiado, con acompañamento musical de Marcelo Dobode. As citas previstas para os próximos meses, todas elas entre as 11:30 e as 13:00 horas, son: Sábado 15 de marzo O Paleolítico: en tempos das cavernas. Na eira da Casa do Pobo de Cerponzóns. Sábado 26 de abril O Neolítico: a chegada da agricultura. No adro do mosteiro de Lérez. Sábado 10 de maio A Idade dos Metais: o tempo dos megálitos. Na área de Chan da Parafita (Monte da Fracha). Sábado 7 de xuño A Idade de Bronce: o mundo dos petróglifos. No parque da Casa Verde (Salcedo). Sábado 21 de xuño A Idade do Ferro: a cultura castrexa. No campo da festa da ermida de San Cibrán (Tomeza). Todas as xornadas incluídas nesta iniciativa son de balde, pero é necesario inscribirse previamente a través do formulario na web apuntate.pontevedra.gal porque as prazas son limitadas e terán prioridades as familias que forman parte do programa Apego. Esta actividade terá continuidade en outono co achegamento á romanización, ao reino suevo en Galicia, á Idade Media ou á Idade Moderna e o Rexurdimento.