O Concello de Pontevedra solicita á Deputación Provincial unha reunión técnica para axustar todas as modificacións necesarias co obxectivo de avanzar na licenza definitiva da obra de rehabilitación do antigo convento de Santa Clara. Segundo informou este martes o concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, os servizos técnicos da oficina de Planeamento municipal queren manter un encontro co equipo redactor do proxecto de reforma de Santa Clara, ou con aquel "persoal técnico que o organismo provincial estime convinte". O concelleiro tamén lembrou o interese do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores por axilizar esta licenza "o máximo posible". Oubiña anunciou que a oficina municipal de Licenzas emitiu un informe provisional "no cal dicía que, en principio, non había maior complicación", aínda que advirte de que "existían algunhas cuestións que conviña emendar". Desde o Servizo de Urbanismo do Concello elaborouse un oficio que se remitiu á Deputación no que se explica que está en tramitación a solicitude de licenza de obras de rehabilitación e ampliación do Convento para a que existe unha resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia "que é provisional". "Por tanto, como non é definitiva, non podemos conceder autorizacións definitivas", xustificou Alberto Oubiña. Con esta reunión técnica preténdese "axustar todos eses pequenos matices, eses cambios que hai que elaborar na documentación, coa idea de que no momento no que chegue a autorización definitiva de Patrimonio, o máis rápido posible poidamos conceder a licenza". O responsable de Urbanismo insistiu en que "todas as solicitudes de licenza que entran no Concello procedentes doutras administracións públicas decláranse prioritarias", tanto á hora de tramitalas como de concedelas. Tamén insistiu en que para o goberno local de Pontevedra "que o edificio de Santa Clara estea a pleno rendemento canto antes é fundamental".