Consultan en Urbanismo a posibilidade de reabrir o ximnasio Budo

Wait 5 sec.

A Comisión de Urbanismo e Ordenación do territorio do Concello de Pontevedra deu conta dunha consulta realizada por un particular sobre o inmoble do antigo Ximnasio Budo, situado no número 11 da Rúa da Estación. Segundo a información facilitada polo concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, esta persoa dirixíase aos servizos municipais lembrando que esta nave está sen actividade comercial desde o ano 2023 e preguntaba: "gustaríame saber si na actualidade e por este Concello concederíase licenza para desenvolver a actividade de ximnasio ou outra actividade comercial en todo ou en parte da edificación". Ademais, continúa a consulta, "no caso de que non se puidese conceder licenza para facer algún tipo de actividade comercial, quixera saber o motivo ou causa de non poder levala a cabo". O arquitecto xefe da Oficina de Urbanismo emitiu un informe no que se determina que esta edificación está situada en "solo urbano de zona residencial intensiva". Isto quere dicir que nesta nave non se podería desenvolver actividade como ximnasio, nin de ningún outro tipo de actividade. Ximnasio Budo Mónica Patxot Este técnico explica ao particular que no caso de que se proceda á derriba da edificación e se constrúa unha nova "no baixo comercial poden desenvolverse as actividades que se queira". Ese novo edificio podería ter, como máximo, un baixo máis 4 alturas e aproveitamento baixo cuberta. Nas explicacións que se facilitan a este particular lémbrase que a nave do Ximnasio Budo ocupa o espazo dun viario que se atopa contemplado no Plan Xeral de Ordenación Urbana e ademais está afectado pola canle do río Gafos, polo que tamén necesita a autorización de Augas de Galicia. En resumo, agora mesmo este local non se pode dedicar a nada por estar fóra de ordenación.